A Casa das Máquinas de Compostela transformouse nunha ponte entre a veciñanza de Santiago e comunidades de Guatemala, Bolivia, El Salvador, Cuba, Guinea Ecuatorial, Bissau, Mozambique ou Honduras.
O pasado xoves 3 de abril tivo lugar o evento Compostela co Sur Global, un espazo no que achegarse aos proxectos de cooperación internacional que se están desenvolvendo co apoio do Concello de Santiago noutras latitudes.
Decenas de persoas sentaron ao redor dunha pantalla para acurtar a distancia física que as separa destes países e poder, así, compartir dúbidas, reflexións e inquedanzas coas comunidades locais e darse conta de que, o que facemos aquí, ten un gran impacto noutras poboacións.
A concelleira de Dereitos Sociais, María Rozas, explicou que “o Concello aumentou os fondos destinados a cooperación internacional ao 0,3% sendo a entidade local de Galicia que destina máis diñeiro a estas convocatorias” a pesar de estar “aínda lonxe do 0,7% ao que o Concello se comprometeu en 1999”.
Tanto ela como a presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, María Paz, coincidiron en presentar o encontro como un exercicio de transparencia e de rendición de contas, pero tamén unha oportunidade: a de coñecer de primeira man outras realidades e o labor da cooperación. De saber máis e formar un criterio propio fronte a desinformacións e bulos.
Unha viaxe sen desprazarse
Damián Vail conectouse dende Guatemala para explicar a situación histórica da comunidade indíxena Mam Cajolá e poder entender, así, o gran cambio que vai supoñer para máis de 260 familias do municipio de Champerico poder contar cunha rede de abastecemento de auga potable. Un proxecto no que a comunidade e a organización local Asiaprodi traballaron de par da ONGD galega Arquitectura sen Fronteiras.


Dende Miradas al Mundo explicaron a situación xeográfica, social e política de Guinea Bissau para poder entender a realidade da comunidade de Doune Mbaye, quen se conectou para explicarnos que, grazas a este proxecto -que se desenvolve en colaboración coa organizacións local Walendiren-, melloran o sistema de abastecemento de auga. Isto non só enriquece a calidade de vida das persoas e incide en aspectos como a saúde e a hixiene, senón que ofrece independencia ás mulleres que traballan en hortas da zona, posibilitando tamén o seu cultivo.
Silvia Miranda, da ONG Redes, contou dende El Salvador a importancia que está tendo para a súa comunidade campesiña implementar alternativas agroecolóxicas para promover a soberanía alimentaria e a autonomía económica. Este proxecto -que desenvolven de par da organización galega Asemblea de Cooperación pola Paz– céntrase, sobre todo, nas comunidades de mulleres, fomentando a súa independencia.


Durante a xornada tamén contamos coa presenza de Francis Bautista e Eunice Núñez, do Centro de Dereitos de Mulleres de Honduras. Ambas están nunha estancia en Galicia e compartiron coa veciñanza de Santiago a situación das mulleres no seu país e o labor da ONG na que traballan, a través da que loitan a favor dos dereitos humanos das mulleres en Honduras.
Coñecérmonos
A xornada tamén contou cunha dinámica de peche para que a veciñanza puidera coñecer de preto os proxectos que realizan outras organizacións de cooperación ao desenvolvemento galegas ou con sede en Galicia, como Mans Unidas, Solidariedade Internacional, Azada Verde, Proyde, Agareso, Taller de Solidariedade, Movemento pola Paz. En pequenos círculos, as persoas participantes puideron escoitar e preguntar sobre o traballo que fan estas organizacións do terceiro noutros países, co apoio do Concello de Santiago, pero tamén en Galicia.
E comprobar que os temas que aquí nos preocupan e que entendemos como dereitos a loitar -vivenda digna, acceso á educación e á sanidade públicas e de calidade, autonomía enerxética sostible ou soberanía alimentaria e produtiva vinculadas á sostibilidade ambiental- están tamén nese Sur Global que agora está pouco máis preto.
Ademais, para pechar a xornada puideron gozar dun petisco de comercio xusto para seguir conversando e tecendo rede coas organizacións.
Moitas grazas a todas por asistir, participar e vincularvos con ese Sur Global do que Compostela xa forma parte! ☺

