El Salvador
Mellora da seguridade alimentaria, a autonomía económica e a agroecoloxía da comunidade campesiña de Talpetates dende un enfoque de xénero.

No marco deste proxecto, apoiado polo Concello de Santiago a través da súa convocatoria de subvencións a cooperación ao desenvolvemento, promóvese a instalación de hortas ecolóxicas familiares, así como a creación de parcelas comunitarias para producir hortalizas e un reservorio de auga de uso comunitario.
Tamén se incide na mellora das materias primas agroecolóxicas e, coa celebración dun foro e unha feira, impúlsase a economía social e solidaria. Estes dous eventos, á súa vez, permiten o encontro así como a creación e fortalecemento das redes comunitarias.
Este proxecto diríxese especialmente a fortalecer o dereito á alimentación é á soberanía alimentaria da comunidade de Talpetates, apoiando a agricultura sustentable e preservando os seus recursos naturais no marco de modelos de desenvolvemento rural e territorial integrados, inclusivos, solidarios e redistributivos.

O PROXECTO NUNS POUCOS DATOS
- Creación de 10 hortas ecolóxicas para a produción de alimentos para as familias da comunidade
- Instalación dunha parcela colectiva comunitaria para a produción de hortalizas
- Implantación dun sistema de almacentamento de auga para uso comunitario cun sistema de rego e capacidade de 100 metros cúbicos
- Formación para os homes e mulleres de Talpetates en alternativas que garantan a autonomía alimentaria da comunidade
- Mellora das capacidades organizativas para a sustentabilidade económica a nivel comunitario
- Desenvolvemeno do foro “A permacultura ante as alternativas alimentarias”
- Celebración dunha feira comunitaria de logros agroecolóxicos e dereito á alimentación


Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) desenvolve este proxecto con Redes, unha fundación salvadoreña sen fins de lucro especializada en proxectos de cooperación ao desenvolvemento e comprometida no acompañamento de actores locais para apoiar os seus procesos de desenvolvemento autoxestionado que contribúan á transformación do país.
Redes céntrase no fortalecemento das capacidades organizativas e de incidencia da poboación vulnerable que busca mellorar a súa calidade de vida, acompañándoa no desenvolvemento de procesos integrais participativos, solidarios, xustos, transparentes e con equidade de xénero.