

‘El Guancasco’ sobreviviu ao colonialismo rodeando a práctica de imaxinaría católica. Aínda hoxe é un ritual de paz entre pobos indíxenas para a reconciliación e a resiliencia entre comunidades. O día escollido, o pobo achégase á praza da aldea con roupas de gala e sae en procesión acompañado de música cara á aldea veciña. Na metade do camiño, atópanse para celebrarse e compartir falas, comida e auga.
Honduras vive hoxe, once anos despois do golpe de estado contra o goberno de Manuel Zelaya, unha situación de emerxencia social. A corrupción, a venta do territorio ás empresas transnacionais, a represión contra as activistas e defensoras de dereitos e a militarización dos territorios teñen como consecuencia altos índices de violencia, inseguridade e desigualdades no país.
Honduras ten rexistrados 21 confitos ambientais activos segundo o Atlas da Xustiza Ambiental. A maioría, pola imposición de proxectos de megaminaría e pola instalación de proxectos hidroelécticos como ao que se opuxo á activista e defensora ambiental Berta Cáceres, asasinada en 2016. Honduras é un dos 10 países do mundo con maior número de asinatos contra defensores e defensoras de Dereitos Humanos. Seguno o Análise Global 2020 de Front Line Defenders, o ano pasado foron asasinadas 20 defensor@s.
O país ten unha poboación de case dez millóns de persoas e máis da metade ten menos de 25 anos. É, polo tanto, un país de xente nova. Os últimos anos, miles de persoas do país mesoamericano víronse obrigadas a marchar do país e uníronse á caravana de migrantes para escapar da violencia e da pobreza estrutural. Moitas das defensoras e defensores que continuaron co seu traballo a prol dos dereitos humanos dentro das caravanas, foron de novo obxecto de ataque.
Comayagua
En Comayagua, a antiga capital do país, Horizontes Futuros e a ONG Solidaridad, Educación y Desarrollo (SED) acollen a 30 menores en situación de vulnerabilidade a quen ofrece formación profesional para que poidan aprender un oficio e melloras as súas posibilidades de atopar un emprego cando cumpran os 18 anos.
A agricultura é a principal ocupación da poboación. Isto é, o 30% das persoas que traballan, fano na agricultura. A pesar de que as mulleres representan o 43% do total de persoas traballadoras na agricultura, só un 8% posúen a terra.
Honduras é un dos máis desiguais do continente e do mundo. Máis da metade da poboación vive en situación de pobreza (un 55,7%), e a meirande parte habita nas zonas rurais.
A violencia é outro dos grandes problemas estruturais de Honduras. Unha violencia que ten múltiples rostros e niveis: a que exercen os corpos policiais e as forzas do estado, a que exercen as maras, a violencia machista que padecen as mulleres polo feito mesmo de ser mulleres, os feminicidios, as agresións a defensores e defensoras de dereitos humanos e activistas, a violencia homófoba…
Choluteca
A Asociación de Desarrollo Pespirense (ADEPES), a Red Regional de Mujeres del Sur e a Oficina Municipal de la Mujer de El Corpus xunto a ONGD Amigos da Terra, traballan no departamento de Choluteca, no Sur do país para acabar coa violencia contra as mulleres e as nenas en 14 destas comunidades rurais do país.
E fano a través de distintos eixes. Promovendo a conservación ambiental na área protexida do Cerro Guanacaure coa posta en marcha dun viveiro artesanal; apostando pola soberanía alimentaria con formación e procesos participativos de deseño e planificación de sistemas productivos agroecolóxicos; orientado á xeración de oportunidades de emprego para as mulleres a través da produción comunitaria nos mercados locais; e fortalecendo as capacidades de incidencia política dos grupos de mulleres


Tamén en Choluteca, Sur en Acción co apoio das ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Sólida e Solidariedade Galega traballa para unha saúde integral no Corredor Seco, a franxa de territorio que abarca desde o sur de México ata Panamá e que sofre unha situación crítica debido ao cambio climático e ao drástico cambio do comportamento das chuvias.
As características xeográficas da zona dificultan a accesibilidade ao centro sanitario, as infraestruturas sanitarias son insuficientes e hai falta de vivendas saudables, entre outras. É por iso que as iniciativas postas en marcha aborda tres ámbitos interconectados: sanitario, sociofamiliar e ambiental.


Golfo de Fonseca
O Golfo de Fonseca é unha reserva natural conformada por un archipélago que limita ao nordeste co Salvador, ao leste con Honduras e ao sur con Nicaragua. Actualmente, os fráxiles ecosistemas de manglar están ameazados pola tala para establecer piscinas seminaturais de cría de langostino e agricultura intensiva para exportación.
Enxeñería Sen Fronteiras (ESF) traballa na zona do Golfo de Fonseca hondureño en Soberanía Alimentaria e Defensa do Territorio dende o 2010 xunto á asociación hondureña Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca.
Actualmente dan apoio para a mellora das prácticas agropesqueiras das familias da zona, o empoderamento das mulleres productoras, a vixiancia ambiental da sociedade civil ante abusos de empresas extractivistas, así como fortalecer a capacidade de incidencia política nas cuestión vinculadas coa pesca artesanal, soberanía alimentaria e protección do medio ambiente.
