As ONGD galegas solicitamos ás administracións galegas que aposten por afrontar a crise do coronavirus de forma global e fagan un exercicio de empatía, responsabilidade e solidariedade cara aos países empobrecidos que están a enfrontar a pandemia dende unha posición de gran vulnerabilidade. Neste sentido, dende a Coordinadora Galega de ONGD mantivemos contacto coa Xunta de Galicia e as administracións locais co obxectivo de conseguir un compromiso firme, agora máis que nunca, coa política pública de cooperación ao desenvolvemento.
O impacto do coranavirus nos países empobrecidos
Como informamos recentemente, nos países empobrecidos de África, América Latina e Asia, o impacto da COVID-19 pode chegar a ser catastrófico. Os seu sistemas de saúde son fráxiles e non contan con recursos humanos nin materiais suficientes; a maior parte da poboación non ten acceso a auga potable e xabón nin á posibilidade de confinarse na casa en condicións de seguridade; e moitas persoas dependen da economía informal para sobrevivir.
Por outro lado, as medidas de illamento social poden traer graves consecuencias nos avances conseguidos en materia de saúde nestes países debido, por exemplo, á interrupción dos programas de vacinación ou o a falta de acceso aos centros de saúde. Ao coronavirus hai que sumarlle a gran prevalencia doutras enfermidades como o VIH, a tuberculose ou a malaria que cada ano acaban coa vida de 3 millóns de persoas en todo o mundo.
As precarias condicións de vida dunha importante parte da poboación e aos escasos recursos económicos dos Estados para afrontar as consecuencias dunha pandemia destas características levan a que, como alerta o Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), “sen o apoio da comunidade internacional corramos o risco dun retroceso masivo dos logros acadados as últimas décadas” na loita contra a pobreza e a garantía dos dereitos humanos
Xunta de Galicia e Concellos galegos
O pasado 20 de abril a Vicepresidencia da Xunta de Galicia anunciou o mantemento dos seus compromisos coa cooperación previstos para 2020 nunha xuntanza con representantes da Coordinadora. E os últimos días, o concello de Lugo e as Deputacións de A Coruña e Pontevedra confirmaron que manterán os fondos para este ano.
O últimos días, representantes das ONGD galegas reunímonos con representantes das administracións locais para trasladar de primeira man cal é a situación que afrontan as poboacións máis vulnerables dos países empobrecidos nos que traballamos. E demandamos aos concellos e deputacións que ata o de agora non o fixeran, que destinen fondos para apoiar aos países empobrecidos e a súa poboación máis vulnerable. Nos concellos e deputacións onde se manterán os fondos previstos para 2020, solicitamos que se estude a posibilidade de adicar fondos adicionais.
Seremos capaces de frear a pandemia se somos quen de parala en todo o mundo. Máis que nunca é necesario un firme compromiso das administracións galegas coa política de cooperación. No eido da axuda humanitaria, ademais de loitar contra a Covid-19 non se pode descoidar a prevención e loita contra outras necesidades sanitarias como as campañas de vacinación, a prevención da malaria estacional, os programas de atención sexual e reprodutiva, a loita contra a desnutrición, etc.
A axuda internacional é imprescindible tamén para poder atender ás poboacións que viven en zona de conflito armado, en campamentos de persoas refuxiadas e mesmo ás persoas migrantes en situación irregular que están lonxe dos seus países. Ao tempo, a cooperación internacional é necesaria para impulsar a protección social das persoas máis vulnerables e garantir así dereitos como a educación básica, o acceso á auga potable, o saneamento e a soberanía alimentaria.
A crise do coronavirus terá graves consecuencias socioeconómicas e políticas, especialmente nos países empobrecidos. A súa situación económica empeorará coa caída dos prezos das materias primas e do turismo; polo peso da débeda externa e pola baixada na chegada de remesas. A ONU estima que sen o apoio da comunidade internacional podería aumentar a pobreza extrema por primeira vez desde os anos noventa: máis de 500 millóns de persoas pasarán a vivir en situación de pobreza extrema e duplicarase o número de persoas que pasan fame no mundo.
A pandemia mundial tampouco frea os conflitos armados preexistentes, a crise de desprazamentos forzosos, a desigualdade crecente ou as consecuencias do crise ecolóxica, senón que as agrava. É imprescindible o firme compromiso da comunidade internacional e de todos os gobernos para que ninguén quede atrás.