Ana Celia Miranda

Nicaragua

Defensora dos dereitos das mulleres e axente de medicina tradicional

Heidi Otaduy

Ana Celia vive coa súa familia no municipio de Prinzapolka, á veira do río que leva o mesmo nome e que constitúe a única vía de comunicación entre as aldeas desta zona da Costa do Caribe Norte, en Nicaragua.

Combina o traballo de acompañamento e asesoramento a mulleres indíxenas e afrodescendentes que sufriron violencia machista co de axente de medicina tradicional, unha ocupación desde a que prevé e cura enfermidades e a través da cal comparte saberes e prácticas ancestrais que contribúen a manter a saúde individual e colectiva da comunidade.

“Se as mulleres expresamos as nosas experiencias podemos abordar un desenvolvemento integral das nosas vidas”.

No documental La salud en mi comunidad, no marco do proxecto Crea Salud, Ana Celia fala xunto a parteiras e outras lideresas sobre o traballo que desenvolven e a súa indispensable contribución a un dereito fundamental: o benestar físico e emocional de todas as persoas da comunidade. 

Ana Celia traballa en Acción Médica Cristiana de Nicaragua, unha organización que colabora coa ONGD Farmamundi.