Aminetou Mint El Mokhtar

Mauritania

Defensora dos dereitos humanos

Imaxe cedida por Terra de Homes

Aminetou é unha histórica activista defensora dos dereitos humanos en Mauritania. Naceu e creceu na capital do país, Nouakchott, no seo dunha familia de clase alta que aos once anos, e malia a súa contundente oposición, obrigouna a casar. 

Desde entón Aminetou converteu o activismo polos dereitos humanos nunha forma de vida. Formou parte de movementos de esquerdas, loitou polos dereitos das mulleres e combateu a escravitude, o racismo e a discriminación. Actualmente preside a Asociación de Mulleres Cabezas de Familia de Mauritania que traballa para acabar cos “abusos que sofren as mulleres e nenas como consecuencia do matrimonio precoz, a explotación laboral e a violencia sexual”. En Mauritania 6 de cada 10 nenas e mulleres sufriron algunha forma de mutilación xenital e ata un 35 % foron vítimas do matrimonio infantil. 

Aminetou foi candidata ao premio Nobel da Paz en 2015 e galardoada co Prix des droits de l’homme francés en 2006. Ela, como outras das súas compañeiras, foi arrestada e ameazada de morte por defender ás persoas máis vulnerables e esixir o cumprimento dos seus dereitos.

“Non estou disposta a abandonar a loita nin os meus principios”.

Aminetou preside a Asociación de Mulleres Cabezas de Familia, unha organización que colabora coa Fundación Terra de Homes.