As organizacións integradas na Coordinadora de Organizacións para o Desenvolvemento -entre as que se encontra a Coordinadora Galega de ONGD- expresamos a nosa condena categórica á agresión militar dos Estados Unidos en territorio venezolano e á captura de Nicolás Maduro: este feito constitúe unha violación do dereito internacional e unha inxerencia inadmisible nos asuntos internos dun país soberano. É especialmente grave a intención de “tutelar” Venezuela e administrar unha transición política, así como a ameaza do uso masivo da forza para obter fondos e recursos dirixidos a empresas estadounidenses.
O ataque de Estados Unidos contra Venezuela ameaza a paz global e fai que o mundo sexa menos seguro. Esta agresión dá luz verde a calquera nación do mundo que desexe atacar a outro país para apropiarse dos seus recursos ou cambiar os seus gobernos.
É a mesma lóxica da forza que Rusia empregou para xustificar a invasión de Ucraína. É a lóxica da impunidade que permitu a Israel cometer un xenocio sen sancións nin consecuencias. É, en última instancia, a lóxica do control e o expolio mediante a cal as potencias do Norte Global seguen a impoñerse sobre o Sur Global, privándoo da soberanía sobre os seus propios recursos.
O control dos recursos como obxectivo
A Coordinadora alerta de que esta agresión non pode entenderse á marxe dos intereses económicos e estratéxicos que a impulsan. A violación do dereito internacional realizouse dende unha lóxica de apropiación de recursos e control económico, especialmente sobre as reservas enerxéticas do país. Esta forma de actuación ameaza con instaurar formas de tutela e expolio propias dun protectorado económico incompatible cos principios de soberanía, xustiza social e desenvolvemento sostible.
Venezuela atravesa un prolongado deterioro democrático: as autoridades teñen limitado o espazo da sociedade civil e máis de 20 millóns de persoas viven en situación de probrezamultidimensional, sen acceso adecuado a bens, servizos e dereitos esenciais. Neste contexto, preto de oito millóns de persoas saíron xa do país. Nada disto xustifica a intervención armada nin a tutela externa de Estados Unidos.
A Coordinadora de Organizacións para o Desenvolvemento advirte que é urxente actuar con responsabilidade e respecto á legalidade internacional como vía para encauzar a situación cara un contexto coherente coa legalidade internacional, protexer á poboación civil e reforzar o diálogo democrático.
E insta á comunidade internacional, o Goberno de España e a Unión Europea a:
- Que esixan a Estados Unicos o cese inmediato de calquera acción militar, ameaza ou inxerencia externa que vulnere a soberanía de Venezuela e os principios da Carta de Nacións Unidas.
- Que demanden a garantía do respecto ao principio de soberanía permanente de Venezuela sobre os seus recursos naturais, evitando calquera forma de apropiación, control ou tutela externa contraria ao dereito internacional; debe asegurarse que a súa xestión responde exclusivamente ás decisións soberanas do pobo venezolano.
- Que promovan unha resolución pacífica do conflito, garantindo o respecto aos dereitos humanos, a cobertura das necesidades humanitarias existentes e a participación da sociedade civil venezolana na toma de decisións, de forma que se supere a crise actual no marco do respecto á democracia e á lexislación internacional.
- Que defendan unha posición clara e activa na defensa da legalidade internacional, promovendo iniciativas diplomáticas e multilaterais que contribúan á desescalada da actual situación, á rendición de contas e á construción da paz.

