A Rede de Coordinadoras Autonómicas de ONG aprobou unha declaración baixo o nome ‘Cooperar desde as nosas rexións, pobos e cidades. Sumar desde a diversidade, construír desde o colectivo’.
Logroño acolleu esta fin de semana o XVIII Encontro da Rede de Coordinadoras Autonómicas de ONG de Desenvolvemento, no que se reuniron representantes de organizacións de todo o país en alerta ante unha situación de cambio nas políticas públicas de cooperación nun momento mundial desafiante. Por iso, para a Rede é urxente asumir compromisos reais para a construción de sociedades máis xustas, democráticas, sostibles e en paz.
Durante estes días traballouse nas estratexias de comunicación e para mellorar as políticas de cooperación das organizacións, e procedeuse á aprobación dunha declaración baixo o título ‘Cooperar desde as nosas rexións, pobos e cidades. Sumar desde a diversidade, construír desde o colectivo’, acordada por todas as coordinadoras presentes no encontro, pertencentes a todas as Comunidades Autónomas de España e que, xunto á Coordinadora Estatal, representan no seu conxunto a máis de 600 organizacións en todo o territorio.
Este documento recolle propostas en materia de cooperación descentralizada transformadora, tales como a consolidación das estruturas e políticas de cooperación descentralizadas en todas as administracións locais, a solidariedade e acción urxente, o compromiso climático, a participación cidadá, a política exterior feminista ou o compromiso de alcanzar o 0,7% dos orzamentos para destinar a cooperación autonómica e local, entre outras. Ademais, incidiuse na urxencia do cesamento do fogo inmediato no territorio Palestino ocupado e en Israel.
O compromiso como Rede de Coordinadoras de Organizacións de Desenvolvemento é traballar e fortalecer as accións en prol da solidariedade, os dereitos humanos, a igualdade e a sustentabilidade da vida e do planeta.