A ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz Galicia elaborou a Guía Didáctica En Deuda con Todas que parte dun documental co mesmo nome producido por AGARESO e ACPP no ano 2019.
A peza audiovisual chama a atención sobre a vulneración de dereitos que sofren as mulleres salvadoreñas no tocante ao acceso a unha saúde sexual e reprodutiva libre de prexuízos ideolóxicos, especialmente para nenas e mulleres máis vulnerábeis.
A guía metodolóxica (neste enlace>>> podes atopar unha mostra) está pensada para abordar os dereitos sexuais e reprodutivos no ámbito escolar, especialmente en secundaria. Para presentala e dar un axeitado acompañamento ao profesorado interesado en traballar con ela, a ONGD realizará unha formación ao profesorado dos centros solicitantes para explicar os contidos, metodoloxías e dinámicas así como ofrecer recursos e consideracións á hora da dinamización nas aulas para traballar a guía.
O profesorado interesado pode facer a súa solicitude neste enlace>>>
Neste outro enlace>>> atoparedes un vídeo de presentación das autoras.