Demandas electorais das ONGD galegas

Son 12 propostas para o futuro da Cooperación Galega

As próximas eleccións son unha oportunidade inmellorable para que os partidos políticos poidan coñecer e conectar coas demandas e problemáticas da sociedade civil e dialogar con ela  ara definir conxuntamente o modelo de sociedade galega do futuro. Neste senso, unha das  cuestións que debemos decidir de forma participada é o papel de Galicia no mundo e que lugar  debe ocupar, polo tanto, a política galega de cooperación ao desenvolvemento.

Neste enlace>>> atoparedes o documento completo das demandas electorais da Coordinadora Galega de ONGD para 2020.

A continuación, achegamos un resumo das 12 propostas para unha política de cooperación transformadora, baseada no desenvolvemento sustentable, no enfoque feminista e na defensa dos dereitos humanos:

1. Aumentar a Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) ata chegar a 0,2% do orzamento consolidado en materia de cooperación ao desenvolvemento, sempre co horizonte do compromiso do 0,7%, e recuperar a Dirección Xeral de Cooperación Exterior.

2. Garantir que os instrumentos que canalizan as axudas da Cooperación Galega sexan transparentes, en concorrencia competitiva, previsibles, se publiquen anualmente e teñan os máximos índices de execución. Tamén, que se simplifiquen as condicións de execución e tramitación para facelos máis eficientes.

3. Promover que as accións de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, que promoven a construción dunha cidadanía comprometida e crítica, teñan unha orientación estratéxica e unha dotación orzamentaria de alomenos o 15% da AOD da Xunta de Galicia.

4. Seguir mellorando os instrumentos da Acción Humanitaria e garantir que alomenos o 10% da AOD da Xunta de Galicia se destina a actuacións neste eido.

5. Promover a participación da sociedade civil: mellorar a funcionalidade do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento; crear un órgano específico de participación e rendición de contas ligado á aplicación da Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible; e, poñer en marcha unha Mesa de Dereitos Humanos no Paramento de Galicia.

6. Fomentar a participación dos municipios e deputacións galegas na política pública de cooperación ao desenvolvemento e promover o fortalecemento das súas capacidades neste eido.

7. Impulsar unha nova lei que substitúa á Lei 3/2003 de Cooperación ao Desenvolvemento. O marco normativo galego debe actualizarse á nova axenda internacional de desenvolvemento e adaptarse ás especificidades coas que se traballa no ámbito de cooperación: execución de proxectos fóra de Galicia por organizacións non lucrativas, en períodos plurianuais de gasto e en entornas de traballo que esixen flexibilidade e orientación aos resultados.

8. Coherencia de Políticas. Os gobernos, calquera que sexa o seu ámbito de actuación, son responsables dos efectos que as súas políticas teñen sobre a cidadanía que representan así coma sobre outros territorios e a propia sostibilidade del planeta. É preciso, tal e como demanda a Axenda 2030, que a Xunta de Galicia impulse mecanismos específicos que garantan que o conxunto das súas políticas sexan coherentes cun desenvolvemento humano sostible.

9. Traballar dende un enfoque feminista a través do impulso de marcos legais que garantan os dereitos das mulleres, do desenvolvemento de plans e estratexias contra todas as formas de violencia, dando apoio ás organizacións de mulleres que traballan na construción de liderados feministas, recoñecendo “os coidados” e, establecendo indicadores que nos permitan avaliar o traballo en prol do empoderamento.

10. Traballar na defensa dos dereitos humanos e defender a quen defende. Ademais da incorporación do enfoque baseado en dereitos humanos na Cooperación Galega é necesario poñer en marcha un programa propio de apoio ás persoas defensoras de dereitos humanos semellante ao que xa existe noutros territorios do Estado.

11. Abordar a crise ecolóxica global asumindo a Declaración de Emerxencia Climática e o desenvolvemento dunha estratexia ambiciosa para facerlle fronte. Apostarase pola educación ambiental como ferramenta para a transformación social e avanzarase no recoñecemento da chamada “xustiza ambiental” para protexer ás persoas que se están vendo, e se verán afectadas, polo deterioro ambiental.

12. Camiñar xuntas para construír o futuro da Cooperación Galega. As ONGD tendemos a man ao próximo goberno da Xunta de Galicia para colaborar, xunto ao resto de actores políticos e sociais, na construción da política galega de cooperación que queremos.