As vindeiras eleccións son unha oportunidade inmellorable para que os partidos políticos poidan dialogar coa sociedade civil e definir conxuntamente o modelo de sociedade galega do futuro. Unha das cuestións que debemos decidir de forma participada é o papel de Galicia no mundo e que lugar debe ocupar, polo tanto, a política galega de cooperación ao desenvolvemento, a Cooperación Galega.
As consecuencias da pandemia provocada polo coronavirus serán especialmente graves para as persoas en situación de maior vulnerabilidade. Nos países empobrecidos o impacto pode ser catastrófico. Máis que nunca é necesario un firme compromiso da Xunta de Galicia coa Cooperación Galega.
Neste enlace>>> atoparedes o documento completo das demandas electorais da Coordinadora Galega de ONGD para 2020.
As ONGD galegas demandamos para as comunidades coas que traballamos no Sur Global o mesmo que o goberno español solicita ao resto da Unión Europea: unha solución global, altura de miras e non deixar a ninguén atrás. A continuación, achegamos un resumo das 12 propostas para unha política de cooperación transformadora, baseada no desenvolvemento sustentable, no enfoque feminista e na defensa dos dereitos humanos:
1. Aumentar a Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) ata chegar a 0,2% do orzamento consolidado en materia de cooperación ao desenvolvemento, sempre co horizonte do compromiso do 0,7%, e recuperar a Dirección Xeral de Cooperación Exterior. Manter e mellorar o pequeno esforzo orzamentario que supón a Cooperación Galega (actualmente o 0,05% do orzamento consolidado da Xunta de Galicia) supón unha diferencia vital para milleiros de persoas nos países empobrecidos do mundo ás que agora non se pode virar as costas.
Neste sentido as 17 CCAA, incluída a Xunta de Galicia, veñen de asinar unha declaración conxunta baixo o título “Da crise sáese cooperando”, no que as comunidades autónomas e entes locais apostan por consolidar alianzas e consensos que permitan á cooperación continuar investindo e contribuíndo a garantir un presente e un futuro sen deixar ninguén atrás.
2. Garantir que os instrumentos que canalizan as axudas da Cooperación Galega sexan transparentes, en concorrencia competitiva, previsibles, se publiquen anualmente e teñan os máximos índices de execución. Tamén, que se simplifiquen as condicións de execución e tramitación para facelos máis eficientes.
3. Promover que as accións de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, que promoven a construción dunha cidadanía comprometida e crítica, teñan unha orientación estratéxica e unha dotación orzamentaria de alomenos o 15% da AOD da Xunta de Galicia.
4. Seguir mellorando os instrumentos da Acción Humanitaria e garantir que alomenos o 10% da AOD da Xunta de Galicia se destina a actuacións neste eido.
5. Promover a participación da sociedade civil: mellorar a funcionalidade do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento; crear un órgano específico de participación e rendición de contas ligado á aplicación da Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible; e, poñer en marcha unha Mesa de Dereitos Humanos no Paramento de Galicia.
6. Fomentar a participación dos municipios e deputacións galegas na política pública de cooperación ao desenvolvemento e promover o fortalecemento das súas capacidades neste eido.
7. Impulsar unha nova lei que substitúa á Lei 3/2003 de Cooperación ao Desenvolvemento. O marco normativo galego debe actualizarse á nova axenda internacional de desenvolvemento e adaptarse ás especificidades coas que se traballa no ámbito de cooperación: execución de proxectos fóra de Galicia por organizacións non lucrativas, en períodos plurianuais de gasto e en entornas de traballo que esixen flexibilidade e orientación aos resultados.
8. Coherencia de Políticas. Os gobernos, calquera que sexa o seu ámbito de actuación, son responsables dos efectos que as súas políticas teñen sobre a cidadanía que representan así coma sobre outros territorios e a propia sostibilidade del planeta. É preciso, tal e como demanda a Axenda 2030, que a Xunta de Galicia impulse mecanismos específicos que garantan que o conxunto das súas políticas sexan coherentes cun desenvolvemento humano sostible.
9. Traballar dende un enfoque feminista a través do impulso de marcos legais que garantan os dereitos das mulleres, do desenvolvemento de plans e estratexias contra todas as formas de violencia, dando apoio ás organizacións de mulleres que traballan na construción de liderados feministas, recoñecendo “os coidados” e, establecendo indicadores que nos permitan avaliar o traballo en prol do empoderamento.
10. Traballar na defensa dos dereitos humanos e defender a quen defende. Ademais da incorporación do enfoque baseado en dereitos humanos na Cooperación Galega é necesario poñer en marcha un programa propio de apoio ás persoas defensoras de dereitos humanos semellante ao que xa existe noutros territorios do Estado, particularmente agora cando por mor da crise da COVID-19 a súa situación é de máis vulnerabilidade.
11. Abordar a crise ecolóxica global asumindo a Declaración de Emerxencia Climática e o desenvolvemento dunha estratexia ambiciosa para facerlle fronte. Apostarase pola educación ambiental como ferramenta para a transformación social e avanzarase no recoñecemento da chamada “xustiza ambiental” para protexer ás persoas que se están vendo, e se verán afectadas, polo deterioro ambiental.
12. Camiñar xuntas para construír o futuro da Cooperación Galega. As ONGD tendemos a man ao próximo goberno da Xunta de Galicia para colaborar, xunto ao resto de actores políticos e sociais, na construción da política galega de cooperación que queremos.