O Concello de Lugo convoca as subvencións a ONGD para proxectos de cooperación ao desenvolvemento e sensibilización social do ano 2023
O prazo de presentación de solicitudes remata o 08/11/2023 (incluído)
O Concello de Lugo vén de presentar as bases da convocatoria de subvencións a ONGD para proxectos de cooperación ao desenvolvemento e sensibilización social do ano 2023 cunha partida orzamentaria total de 50.000 €.
A presentación se solicitudes debe tramitarse a través da sede electrónica do concello (https://lugo.gal) ou a través de calquera dos rexistros electrónicos das administracións públicas recollidas de acordo co disposto no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, LPACAP. Podes consultar a convocatoria completa aquí.
Os requisitos segundo a tipoloxía de proxecto serán:
1. Proxectos de cooperación ao desenvolvemento:
a) Que se trate de proxectos a desenvolver nalgún dos 11 países considerados como prioridade xeográfica no V Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento (2023-2026):
-
- Africa Subsahariana: Cabo Verde, Guinea Bissáu e Mozambique.
- América central: Guatemala, Honduras, Nicaragua e O Salvador.
- América do Sur: Bolivia, Ecuador e Perú.
- Caribe: República Dominicana
b) Que se trate de proxectos destinados á cobertura de necesidades básicas e/ou desenvolvemento económico local:
-
- proxectos de educación básica, abastecemento de auga e saneamento, xestión integral e gobernanza de recursos hídricos, habitabilidade básica, alimentación, servizos sociais, saúde xeral e básica e programas/políticas sobre saúde sexual e reprodutiva.
- infraestrutura e promoción do tecido económico, concretamente proxectos de agricultura e agroindustrias, desenvolvemento rural, pesca e acuicultura.
c) Que incorporen as prioridades transversais da cooperación galega incluídas no V Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento (2023-2026):
-
- a erradicación da pobreza multidimensional, a igualdade de xénero, a defensa da sostibilidade ambiental e a loita contra o cambio climático, o enfoque baseado nos dereitos humanos, o respecto polas diversidades e a promoción da interculturalidade, a equidade e a loita contra as desigualdades, a participación cidadá e o fortalecemento institucional e da sociedade civil.
d) Que dean participación á poboación beneficiaria dende a súa elaboración e deseño ata a súa execución e avaliación.
e) Os proxectos propostos non substituirán a acción do Estado na prestación da servizos públicos.
f) Que conten coa participación dunha contraparte local que actuará como socio da entidade solicitante na execución e xestión dos recursos.
2. Proxectos de sensibilización social:
a) Que se trate de proxectos que fomenten os valores de solidariedade, comercio xusto, consumo responsable, defensa dos dereitos humanos, respecto á diversidade cultural, valores medioambientais e defensa da equidade de xénero.
b) Que repercuta nun importante número de poboación.
c) Que fomenten a crítica das desigualdades mundiais e favorezan actitudes persoais e colectivas solidarias coas persoas máis desfavorecidas.
d) Que dean a coñecer a realidade dos países menos adiantados e das causas que xeran a pobreza e que defendan especialmente a situación da infancia, muller, xuventude, pobos indíxenas, persoas refuxiadas e desprazadas.
e) Que fomente a participación activa da cidadanía ou colectivos destinatarios.