Canto sabes… do Sáhara Occidental?

Hoxe, o Sáhara Occidental é un territorio non autónomo ocupado en gran parte por Marrocos.

Foi colonia española ata 1975 cando tivo lugar a firma dos Acordos de Madrid polos que España puxo fin á súa presenza na rexión e cedeu a administración do territorio a Marrocos e Mauritania. A República Árabe Saharauí Democrática ( RASD) proclamouse o 27 de febreiro de 1976 en Birlehlu, actuais territorios liberados. Ese mesmo día o último soldado español abandonaba o territorio do Sáhara Occidental, tres meses despois do éxodo masivo coñecido como marcha verde.

O pobo saharauí do entón Sáhara Español foi perseguido, bombardeado e asasinado polo exercito marroquí ata o 5 de agosto de 1979 e polo mauritano ata o 6 de setembro 1991 co fin de quedar coa súa patria. Actualmente, o territorio do Sáhara Occidental está dividido por un muro de más de 2000 quilómetros que o divide de norte a sur. 

En 1975 as mulleres saharauís que fuxiron da guerra foron as primeiras en chegar ao deserto de Alxeria. Alá construíron e organizaron os campamentos co pouco que tiñan e desde entón tres xeracións seguen a vivir exiliadas. Chegaron á hamada, a zona máis árida do deserto do Sáhara, preto do asentamento da cidade de Tinduf.

Co pouco que tiñan, as mulleres tiveron que organizar a vida no medio dun dos territorios máis hostís do mundo. Construíron jaimas (tendas de campaña) coas súas melfas (tea que usan as mulleres de vestimenta) e foi así como as mulleres empezaron a levantar os campamentos de refuxiados e refuxiadas, a abastecerse, a coidar, a educar, etc.

Desde hai máis de 45 anos, nos Campamentos de Persoas Refuxiadas Saharauís (CRS), das máis de 173.000 persoas que viven segundo datos de ACNUR, 85.200 son mulleres e 88.400 homes repartidos en 5 wilayas, sobrevivindo da solidariedade internacional e coa esperanza de poder retornar ao seu territorio nun futuro próximo.

A saúde nos campamentos

Durante os primeiros tempos de conflito armado, a Fronte Polisario debía empezar a organizar, no refuxio, a vida máis aló das primeiras estruturas precarias que montaron principalmente as mulleres. Distribuíuse e formou á poboación con cursos básicos en 5 grupos ou comité: educación, artesanía, repartición de víveres e alimentos, asuntos sociais e saúde. Tamén se empezou a mandar aos e as mozas para estudar fose (Libia, Cuba, España, URSS, etc.).

A saúde foi unha das principais preocupacións da RASD. A autoorganización do pobo deu orixe aos Comités de Saúde compostos sobre todo por mulleres, semente do actual sistema de saúde baseado no concepto de Sanidade Popular.

 

As mulleres ocuparon un papel protagónico, especialmente na prevención, promoción e educación para a saúde, que foron os piares nos que se basearon desde o principio as políticas sanitarias. Elas foron a base do sostemento do sistema sanitario xa que a guerra mantiña aos homes afastados.

A partir do V Congreso da RASD en 1982 iniciouse a segunda fase do desenvolvemento do sistema de saúde. Esta etapa caracterizouse pola gradación da primeira promoción de médicos e médicas, paramédicos e paramédicas, e persoal de enfermería saharauí; e o abastecemento de hospitais e dispensarios co equipamento necesario que achegaron Cuba, Alxeria e o movemento solidario do Estado español. Todo iso permitiu mellorar a capacidade asistencial

Médicos do Mundo traballa coa poboación saharauí refuxiada desde 1995, ano no que puxron en marcha intervencións de asistencia oftalmolóxica en forma de comisións médicas. Estas desprázanse cada ano e prestan atención médica a través de consultas oftalmolóxicas e cirurxías.

En base a esta experiencia previa, en 2004, comezaron un programa integral de fortalecemento da saúde reprodutiva e materno-infantil. O obxectivo era reducir as altas taxas de morbilidad e mortalidade tanto de mulleres como de nenos e nenas en todas as ‘ wilayas’ dos Campamentos de Refuxiados Saharauís.

A web http://refugiadasenlasalud.org/ achega información de todo o traballo levado a cabo polas mulleres nos campamentos e achega as súas historias en forma de campaña.