A terceira edición de Somos Ponte botou a andar este luns cunha conversa que exemplificou á perfección o espírito deste programa, que a Coordinadora Galega de ONGD desenvolve en colaboración coa Deputación de Pontevedra.
Somos Ponte ten como obxectivo amosar que une a provincia de Pontevedra cos países que conforman o Sur Global. Que necesidades, dereitos, inquedanzas e loitas -a pesar dos milleiros de quilómetros e das distintas circunstancias- os vinculan. E que persoas e organizacións tecen esas conexións que moitas veces non se ven nunha primeira ollada.
“Cando a cooperación sanda” falou de todo isto a través da experencia do Proxecto CORESI e, sobre todo, a través das súas protagonistas.
Comunidades resilientes a través do enfoque da saúde integral
A conversa comezou coa benvida da deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, e da presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, María Paz, que destacaron os esforzos da cooperación ao desenvolvemento por garantir os dereitos de todas as persoas. Compromiso local, xustiza global, como di o lema de Somos Ponte.
E diso falou, precisamente, Mario Pinel, director da organización hondureña Sur en Acción, que explicou de maneira pormenorizada en que se materializou nestes anos o apoio da cooperación galega no departamento hondureño de Choluteca e, máis concretamente, na localidade de San Marcos de Colón e nas 25 comunidades deste municipio.
O Proxecto CORESI (comunidades resilientes a través do enfoque da saúde integral), máis que un programa é unha estratexia a varios anos que busca consolidar melloras na atención sanitaria da poboación, e por tanto mellorar a saúde das súas comunidades.
Faino poñendo o foco moi especialmente na saúde das mulleres e de par dos e das profesinais sanitarios locais, coa acolaboración activa de profesionais galegos e a través dunha alianza entre a ONGD hondureña Sur en Acción e as galegas Sólida, Solidariedade Galega e Solidariedade Internacional de Galicia.
A importancia dun parto humanizado
Pero as grandes protagonistas desta conversa foron dúas mulleres, compañeiras de profesión: a enfermeira hondureña Yesenia Dolores Sauceda e a galega Alia del Río, matrona no Hospital Provincial de Pontevedra.
Elas falaron da atención ao parto nos centros hospitalarios de San Marcos de Colón, unha atención “moi parecida á que había antes aquí”, segundo explicou Alia: “Non esquezamos que houbo que pelexar moito para humanizar o parto das mulleres e para que ocorran cousas agora tan normais como parir acompañadas”.
O feito de non existir a matrona como profesional sanitaria especializada, as condicións dos centros hospitalarios -con medios materiais e humanos insuficientes- e as condicións no parto -mulleres sen acompañante, inmobilizadas e sen intimidade- fan que as mulleres destas 25 comunidades reciban unha atención inadecuada.
Isto é especialmente grave, segundo explicou Yesenia, no caso das nais adolescentes. Unha realidade habitual nas comunidades que atende o centro hospitalario no que traballa, e na que se mesturan falta de educación sexual e situacións de abuso normalizadas, e que converte a estas mozas en dobremente vulnerables na súa maternidade.
Como intervén nesta realidade o Proxecto CORESI? Facilitando -grazas á normativa galega que permite cooperar ás profesionais do SERGAS– a atención á poboación de San Marcos de Colón e a aprendizaxe de técnicas e boas prácticas entre profesionais de Galicia e Honduras.
Un intercambio bidireccional, porque do mesmo xeito que Alia viaxou ata San Marcos de Colón para coñecer a súa realidade, aprender das súas colegas e aportar coñecementos e expertise, Yesenia viaxou ata Galicia co mesmo obxectivo.
No contexto desta viaxe de cooperación tivemos a sorte de que as dúas xuntas puideran explicarnos como a cooperación sanda e como Pontevedra e Honduras se conectan a través deste proxecto.
Que máis actividades ofrece Somos Ponte?
Trala conversa con Yesenia e Alia, Somos Ponte sigue a andaina desta terceira edición. A seguinte cita será o xoves 27 de novembro pola tarde, cunha xornada que leva por título Coidar da auga, facer comunidade.
Nela teremos ocasión de asistir á estrea en Galicia do documental Abuela Agua e falar cunha das súas protagonistas, a defensora de dereitos Juventina López, que se encontra actualmente en Galicia no marco da segunda edición do programa de acollemento temporal a defensoras de dereitos Galicia Abriga.
A xornada permitiranos coñecer, ademais, que puntos de conexión hai entre a tradición galega da xestión comunitaria da auga e a cosmovisión maia da comunidade Mam, á que pertence Juventina, a través do testemuño de colectivos veciñais e de regantes que nos explicarán como o dereito a auga, tamén en Galicia, serviu para cohesionar socialmente á comunidade e preservar unha forma de patrimonio inmaterial.
En paralelo, en varios puntos da provincia haberá sesións de Somos Ponte en movemento: curtametraxes para ver o mundo dende novas perspectivas. Como por exemplo en Bueu, onde acollerán unha destas sesións o 25 novembro (19:00) no Centro Social do Mar.

