As ONGD votamos “SI” ao V Plan director de cooperación galega cun voto particular a un orzamento que consideramos débil

As entidades galegas valoramos positivamente o novo Plan, que incorpora moitas das nosas demandas, pero atopamos insuficientes os compromisos económicos.

Fonte: IPPDH

15 Febreiro 2023 |

Santiago, 15 de febreiro. O anteproxecto do V Plan director de cooperación galega para o desenvolvemento 2023-2026 recibiu onte a resposta favorable do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE). As ONGDs votamos “si”, pero cun voto particular ao orzamento presentado por consideralo débil.

A proposta é continuísta con respecto ao ano anterior, pero incorpora melloras importantes a nivel técnico e estratéxico que responden ao que demandabamos dende hai tempo dende o sector:

  • Mantén os países prioritarios expostos no anterior documento inclúe que se incentivará o traballo “en países menos adiantados ou co IDH baixo” e “cos pobos saharauí e palestino, dous puntos que consideramos moi positivos.
  • Engade dous novos sectores ou ámbitos estratéxicos que demandamos dende as ONGD:
    “promover a garantía e defensa dos dereitos humanos, a democracia e o fortalecemento da sociedade civil organizada” e “loitar contra o cambio climático e promover a sustentabilidade e a xustiza ambientais”. Estas novidades afondarán no enfoque ecoloxista da cooperación e no fortalecemento da sociedade civil, cada vez máis necesaria como barreira ante o aumento crecente dos autoritarismos e o peche de espazos democráticos.
  • Modifica o sector enfocado a traballar para os dereitos das mulleres incluíndo o enfoque
    feminista, tal e como pediamos as ONGD: “Impulsar a igualdade de xénero cun enfoque
    feminista, interseccional e de diversidades, o apoderamento e o exercicio de dereitos das
    nenas, adolescentes e mulleres e o fortalecemento das súas organizacións”.
  • Súmanse á lista de colectivos prioritarios defensores e defensoras de dereitos humanos e persoas membro do colectivo LGTBIQ+, tal e como solicitamos as ONGD.
  • Inclúe a posta en marcha de tres novos instrumentos de axudas que desembocarán na mellora e calidade do traballo que poderemos desevolver: os “microproxectos” e novos programas de cooperación no exterior e de Educación para a Cidadanía Global.

Outro dos puntos que as ONGDs valoramos positivamente da nova proposta é o compromiso de revisar e reducir o peso burocrático nos procesos de financiación. O último informe de pares do Comité de Ayuda al Desarrollo (CAD) da OCDE instaba ao Goberno español a simplificar os custos ou requerimentos para o acceso das ONGD ao financiamento público, os procesos de selección, os mecanismos de financiamento e os medios de rendición de contas.

O punto negativo do novo Plan, e que avala o noso voto particular, está nos compromisos económicos. A proposta da Xunta garante un mínimo anual de 8,9 millóns (como temos este ano). Porén, a diferenza do anterior documento, non se garante unha porcentaxe de crecemento anual estable e fixa, que antes se establecía nun crecemento anual do 11,4%. Na nova proposta esta porcentaxe estará directamente relacionada co crecemento do orzamento da Xunta (sen os gastos non financeiros). Isto supón rematar coa previsibilidade coa que contabamos no plan anterior.

Esta novidade suporá, previsiblemente, un estancamento nun esforzo orzamentario moi pequeno, no actual o 0,06% sobre o total do orzamento consolidado que adica a Xunta. Este débil compromiso sitúanos cada vez máis lonxe da media autonómica de orzamento destinado a cooperación ao desenvolvemento (0,12%), que supón o dobre da porcentaxe que dedica a Xunta, e por suposto do obxectivo do 0,7% ao que deberiamos de chegar todas. Actualmente, Galicia ocupa o posto duodécimo no ránking de esforzo orzamentario das comunidades autónomas.

Recordamos que a semana pasada se aprobou a “Lei de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidaridade Global” cun apoio de case o 90% dos votos no Parlamento. Esta nova Lei marca unha senda clara e inesclusable para que os fondos destinados á cooperación alcancen o histórico 0,7% da nosa Renda Nacional Bruta antes de 2030.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: