Aprobado o Plan Anual 2020 da Cooperación Galega

Sesión do CONGACODE do 25 de novembro _ Xoán Crespo

O luns, 25 de novembro, o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE) aprobou por unanimidade o Plan Anual 2020 da Cooperación Galega e o Informe de Execución do Plan Anual 2019. As 5 persoas respresentantes das ONGD galegas apoiaron o documento que marca a planificación para o vindeiro ano. Este é parte do contido do Plan:

Orzamentos
En 2020, o orzamento da Cooperación Galega pasará a ser de 6,6 millóns de euros, un 18,5% máis que en 2019 e un 7,1% por riba dos fondos comprometido no IV Plan Director de Cooperación Galega 2018 – 2021. Dende a Coordinadora Galega de ONGD consideramos positiva esta subida pero aínda non responde ás demandas do sector: en 2020 os fondos de cooperación representarán o 0,06% do orzamento da Xunta de Galicia, unha porcentaxe aínda moi lonxe da reivindicación do 0,7%. Galicia segue estando na cola da lista de Comunidades Autónomas en canto ao esforzo orzamentario en materia de cooperación ao desenvolvemento.

Convocatorias
A convocatoria de concorrencia competitiva que más se beneficiará da subida orzamentaria prevista para 2020 será a de proxectos no exterior dirixida a ONGD que aumentará ata un 43% a súa dotación con respecto a 2019: pasarase de de 2,8 millóns de euros a 4. Por outra banda, as
convocatoria de proxectos no exterior para Outros Axentes e a de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global terán a mesma dotación que en 2019, 700.000 euros e  500.000 euros, respectivamente. A convocatoria de Axuda Humanitaria aumenta 100.000 euros e chegará aos 400.000 euros. .

En canto aos convenios, manterase a liña de fortalecemento da Coordinadora Galega de ONGD, ás tres universidades galegas e ao Fondo galego de Cooperación. Tamén, o apoio á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a través do Plan Proxecta.

Lei de acción exterior e cooperación ao desenvolvemento

O CONGACODE, ao igual que o Consello de Acción Exterior de Galicia (CAEX), tamén deu visto bo ao anteproxecto de Lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia.