O Salvador
Defensora da liberdade de prensa e expresión

Isabel Gaitán
Aos 17 anos Angélica empezou a colaborar nunha radio comunitaria de Santa Ana, no leste do Salvador, conducindo programas para a mocidade desde un enfoque de dereitos humanos. Foron os seus primeiros pasos como reporteira antes de migrar á capital, traballar para grandes medios e participar en ARPAS, a rede de radiodifusión participativa do país que impulsa o dereito á comunicación.
No 2017 iniciou o seu activismo na defensa da liberdade de expresión e opinión na Asociación de Periodistas de El Salvador (APES) da cal hoxe é a presidenta. No país, non existen mecanismos de protección da prensa e os últimos anos aumentaron as vulneracións de dereitos e agresións contra xornalistas, especialmente a mulleres, que proveñen maioritariamente do Estado salvadoreño. A asociación APES rexistrou, de xaneiro a agosto de 2021, un total de 173 agresións contra a prensa.
A clasificación de Reporteiros sen Fronteiras sobre a liberdade de prensa no mundo en 2021 sitúa a O Salvador na posición 82, oito puntos por debaixo da clasificación do ano anterior.
Angélica asegura que é defensora da liberdade de prensa para garantir un periodismo independente.“Sen un xornalismo sólido e de calidade non se pode construír unha sociedade informada, con capacidade crítica e de expresión sen medo ás represalias”.
“Soño cun país onde exercer a miña opinión e traballar como xornalista non sexa motivo para que a miña vida corra perigo”.
Angélica é presidenta da Asociación de Periodistas de El Salvador e participa na Asociación de Radiodifusión Participativa de El Salvador (ARPAS), organizacións que colaboran coa ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz.