O Parlamento de Andalucía acolleu este venres a presentación do informe da Rede de Coordinadoras Autonómicas de Organizacións para o Desenvolvemento, no que se destaca que, a pesar dos esforzos de varias comunidades, no 2025 a media autonómica dos fondos destinados a cooperación sitúa no 0,12% os orzamentos autonómicos.
Unha porcentaxe idéntica ao ano anterior e moi lonxe do 0,7%, una meta fixada hai décadas pola comunidade internacional, refrendada no Compromiso de Sevilla, resultado da IV Conferencia Internacional para el Desarrollo e asumida pola Lei estatal de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global, así como por moitas das propias Comunidades Autónomas.
Os orzamentos galegos
En termos absolutos, Galicia incrementou o seu orzamento destinado a cooperación pasando de 9 millóns de euros en 2024 a 9,9 millóns en 2025. Nesta suba valórase de maneira positiva o feito de que se incluíran novas liñas de financiamento como as axudas trianuais dirixidas a programas de cooperación no exterior das ONGD ou a nova liña bianual para apoiar específicamente proxectos cuxas contrapartes sexan organizacións feministas e de mulleres.
En termos porcentuais, desnde 2018 ata o día de hoxe, a cifra é prácticamente igual, pasando dun 0,05% a un 0,06%. Unha porcentaxe mínima que sitúa a Galicia entre as últimas posicións a nivel porcentual respecto ás demais comunidades e moi por debaixo da media autonómica do 0,12%.
Respecto aos entes locais, destacan o Concello de Santiago, cun 32% destinado a cooperación ao desenvolvemento (465.940 euros en 2024) e a Deputación da Coruña cun 0,2% (453.000 euros en 2024).
O contexto xeral
Se dividimos o orzamento destinado a cooperación por parte dos gobernos autonómicos por habitante, quédanos unha media de 8,5 euros por persoa cada ano. En termos absolutos, a suma dos orzamentos autonómicos en cooperación alcanzou en 2025 os 334,4 millóns.
Segundo os datos da Rede, as porcentaxes máis baixas correspóndense coa Rexión de Murcia (0,01%), Comunidade de Madrid e Aragón (ambas co 0,02%). Pero mesmo Euskadi, primeira neste listado, sitúase no 0,35% e polo tanto na metade do compromiso asumido pola cooperación descentralizada.
A elección do Parlamento Andaluz para a presentación do informe non foi casual: desde 2018 a 2025 a porcentaxe destinada a cooperación por parte do Goberno Andaluz pasou do 0,14% ao 0,04%, sendo a Comunidade Autónoma que máis reduciu este orzamento desde 2018. A Junta de Andalucía chegou a orzamentar máis de 113 millóns de euros para Axuda Oficial ao Desenvolvemento en 2009 (o 0,34% do global das contas da comunidade, o que supuña 13,69 euros por andaluz/andaluza). Desde entón, en termos porcentuais, a política pública de cooperación andaluza retrocedeu máis do 90%.
O Informe da Rede de Coordinadoras Autonómicas aplaude o crecemento da axuda en termos absolutos, e recoñece os avances en Catalunya ou Euskadi, mentres que sinala os recortes na Comunitat Valenciana e Andalucía, ou os que supuxeron as prórrogas dos orzamentos en Extremadura ou Aragón, onde xa se produciron recortes en 2024. Así mesmo,destaca o papel dentro desta cooperación descentralizada de administracións locais que si realizan un importante esforzo orzamentario como é o caso do Concello de Barcelona, que destina máis de 13 millóns de euros a cooperación, a Deputación de Zaragoza (0,84% de orzamento), ou a Deputación Foral de Bizkaia (0,44%).

