A IV Conferencia das Nacións Unidas sobre Financiamento para o Desenvolvemento, celebrada en Sevilla, rematou coa aprobación do chamado Compromiso de Sevilla. Un documento que, a pesar do valor simbólico do consenso acadado, non responde coa ambición e determinación que o momento global require con urxencia.
Desde a Coordinadora Galega de ONGD valoramos positivamente o espazo de diálogo e o impulso ao multilateralismo que representan encontros coma este, especialmente nun contexto marcado polas desigualdades crecente e o retroceso de dereitos. Porén, tamén denunciamos que o proceso negociador estivo condicionado pola oposición de diversos países do norte global a propostas clave impulsadas dende o sur global e a sociedade civil. Isto derivou nun documento final que non recolle compromisos vinculantes nin propostas valentes para reformar unha arquitectura financeira internacional profundamente inxusta.
A voz da sociedade civil, cada vez máis silenciada
O proceso preparatorio da Conferencia comezou hai máis dun ano, con propostas iniciais que apuntaban alto: reforma do sistema de débeda soberana, cooperación fiscal internacional e democratización da gobernanza económica. Con todo, co paso dos meses, moitas desas propostas foron diluídas, sobre todo na fase final das negociacións. Ademais, limitouse notablemente a participación da sociedade civil nos espazos oficiais da Conferencia, un feito pouco habitual neste tipo de encontros e que supón un retroceso preocupante.
As responsabilidades do norte global
A propia convocatoria desta Conferencia partiu de gobernos do sur global e organizacións sociais. Paradoxalmente, moitas das súas demandas foron rexeitadas pola presión de actores como a Unión Europea, Reino Unido ou Xapón. Mentres a sociedade civil reclamaba unha distribución máis xusta do poder económico e reformas que permitisen a participación equitativa dos países do sur nas decisións globais, foron os estados máis ricos os que frearon esas iniciativas.
Entre as demandas destacadas, subliñamos a creación dunha Convención de Nacións Unidas sobre cooperación internacional para o desenvolvemento e o apoio á Convención de Cooperación Fiscal Internacional. Só con mecanismos globais, inclusivos e vinculantes será posible poñer fin aos paraísos fiscais, avanzar cara á xustiza tributaria e liberar recursos que hoxe están en mans de grandes fortunas e corporacións responsables da destrución ambiental.
O camiño segue
A pesar das limitacións, encontros coma o de Sevilla amosan que hai vontade e forza para construír alternativas. Centos de persoas e organizacións de todo o mundo déronse cita estes días para defender un modelo económico centrado nas persoas e na protección da vida. O Foro Feminista e o Foro da Sociedade Civil deixaron propostas sólidas para avanzar en fiscalidade xusta, coidados e cooperación internacional transformadora.
Agora toca transformar esas propostas en compromisos reais, con mecanismos de financiamento sostibles e estruturas máis democráticas. A Conferencia rematou, pero o seu seguimento será clave para non quedar só nun documento con boas intencións.
Desde Galicia, como parte activa da sociedade civil global, seguiremos a traballar para esixir aos gobernos responsabilidade política e valentía. Defender os dereitos humanos por riba dos intereses económicos é a nosa obriga colectiva. E aí, mesmo entre sombras, hai luz e esperanza.
Algunhas cifras que interpelan
- Máis de 60 países destinan máis fondos a pagar a débeda externa que á educación ou á sanidade.
- Preto de 3.000 millóns de persoas viven as consecuencias directas dunha arquitectura financeira desigual.
- Máis de 120 millóns de persoas tiveron que abandonar os seus fogares debido á emerxencia climática.
- Mentres tanto, en 2024, o gasto militar global superou os 2.700 millóns de dólares e estímase que 25 billóns de dólares están ocultos en paraísos fiscais.
Faltan apenas cinco anos para cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, e estamos moi lonxe de logralo. Hai recursos, o que falta é vontade política.