Unha Escola de Activismos para fortalecernos fronte a discursos e estratexias de odio

Compostela máis Solidaria acolle esta iniciativa que, durante o mes de maio, ofrecerá catro obradoiros facilitados por La Intersección, Ecos do Sur, Fundación porCausa e Agareso.

Fonte: IPPDH

30 Abril 2025 |

A Coordinadora Galega de ONGD pon en marcha no marco de Compostela máis Solidaria a primeira edición da súa Escola de Activismos: unha iniciativa que ten como obxectivo facilitar coñecementos e propostas para facer fronte a bulos e discursos de odio, así como ferramentas para crear novos marcos narrativos.

Botando man do dicionario, entendemos por activismo a accion social de carácter público a favor de determinadas causas ou en contra de determinados poderes.

Ás veces temos a idea de que o activismo é algo que desenvolven as organizacións. Ou persoas cunha traxectoria e unha proxección pública moi concreta. Pero en realidade, calquera persoa pode ser activista daquilo que considera que debe ser cambiado. Iso si: para un bo activismo, ademáis de convicción e compromiso, fan falta sempre coñecementos e ferramentas.

A Escola de Activismos

A Escola de Activismos comeza a súa andaina en Compostela máis Solidaria coa vontade, precisamente, de facilitar coñecementos e algunhas ferramentas para fortalecer o activismo cidadán e colectivo.

Para iso propón catro obradoiros facilitados por organizacións de referencia no eido na comunicación para a transformación social e na creación de novas narrativas.

Son La Intersección, Ecos do Sur, Fundación porCausa e Agareso. As catro con ampla experiencia na análise e a investigación de dicursos de odio, pero tamén na creación de propostas para afrontalo e na creación de campañas, metodoloxías e propostas formativas para impulsar discursos vinculados aos dereitos humanos.

Os obradoiros

10 de maio (10:00-14:00). Como operan os discursos de odio e o seu ecosistema? Como fortalecer as nosas estratexias colectivas con mensaxes transformadoras dende o común? Obradoiro facilitado por La Intersección, un colectivo de profesionais de ámbitos relacionados coa comunicación, a creatividade e a participación social que, a partir da investigación, aplican estratexias dixitais e apoian procesos de aprendizaxe e de activación de estratexias.

14 de maio (18:00-21:00). Como conectar a túa causa con novos públicos a través dos valores compartidos? Obradoiro impartido por Ecos do Sur, ONGD galega cunha liña de traballo específica para o estudo dos discursos de odio -no seu caso cara a poboación migrante- e o desenvolvemento de propostas vinculadas á tecnoloxía e ás novas narrativas, coas que as persoas migrantes usuarias da entidade crear e difundir novos discursos dende a súa propia voz.

20 de maio (16:00-19:00). Como activar un novo marco narrativo no ámbito das migracións?Masterclass facilitada pola Fundación porCausa, unha entidade con anos de experiencia vinculada ao ámbito migratorio. Dende a análise do relato xornalístico e o desenvolvemento de narrativas alternativas ata a investigación e a denuncia da industria do control migratorio, entre outras cuestións.

26 de maio (horario de tarde). Como abordar a fenda política de xénero e combatir os discursos misóxinos entre a rapazada de Secundaria? Obradoiro intensivo (90′ aprox de duración) a cargo de Agareso (Xeración Contrainfo), ONGD galega formada por profesionais da comunicación que traballan en diversos eidos (educativo, cooperación ao desenvolvemento, sensibilización) empregando a comunicación como ferramenta para a transformación social.

 

CLICA AQUÍ PARA INSCRIBIRTE EN CALQUERA DOS OBRADOIROS

Por que os discursos de odio?

Compostela máis Solidaria é un programa de sensibilización que a Coordinadora Galega de ONGD desenvolve co apoio do Concello de Santiago a través da UAMI (Unidade de Atención ás Migracións).

Entre os seus obxectivos está xerar espazos de encontro, escoita e coñecemento directo arredor das diversas realidades migrantes. E ofrecer así información de primeira man á cidadanía sobre un ámbito no que a desinformación, os bulos e os discursos de odio son tristemente abundantes. 

Se ben Galicia non está entre as comunidades do Estado español cun maior índice de delitos de odio, os discursos deste perfil medran ano a ano e entre as motivacións principais están o racismo e xenofobia.

A importancia do primeiro chanzo

Migrantes, persoas racializadas, colectivo LGTBIQ+, Pobo Xitano, mulleres feministas e/ou con proxección pública, científicas, divulgadoras de coñecemento,… A lista de persoas e colectivos que reciben o impacto destes discursos é cada vez maior. E as mentiras das que son obxecto convencen a unha parte da poboación, pero tamén xeran dúbidas a cada vez máis persoas.

Este é un gran problema. Como destaca a ONGD Ecos do Sur, “na pirámide do odio, cada chanzo que unha persoa acepta sostén o ascenso a un nivel superior”. Se comezamos dando por bos estereotipos e prexuízos, se non nos informamos, non nos será difícil crer un bulo. Unha mentira que, á súa vez, cimentará o discurso de odio que acabará por lexitimar diversas formas de discriminación e violencia.

Esta dinámica está presente na vida adulta, pero tamén na mocidade e o contexto educativo. Outra organización experta, Agareso, ofrece un amplo estudo a través do seu proxecto Xeración Contrainfo, no  que aborda “os odios” que artellan este discurso entre os máis novos. E pon o foco no racismo, a LGTBIfobia e o machismo.

Esta é unha preocupación para boa parte da cidadanía e para moitos ámbitos, entre eles o terceiro sector ou administracións como o Concello de Santiago, a través da súa Concellería de Dereitos Sociais. 

De aí que a nosa Escola de Activismos poña o foco en coñecementos e ferramentas para poder traballar -cadaquén dende o seu eido profesional ou dende as súas posibilidades persoais- en abodar esta cuestión de maneira cada vez máis eficaz e, por que non!, colectiva.

 

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: