Nun tempo de deterioro democrático e multilateral, con guerras e ocupacións -moitas delas de carácter xenocida-, supremacismos, autoritarismos e un capitalismo extractivista que ameaza a vida humana e non humana, queremos reafirmar o noso compromiso de defender, artellar e soster todas as formas de vida.
Denunciamos a alianza entre patriarcado, racismo, neocolonialismo, grandes capitais e crime organizado que se materializa en políticas de morte que expulsan, empobrecen e silencian a mulleres e disidencias, desposúen territorios e bens comúns e/ou condean a pobos enteiros á fame e á precariedade.
Dóenos e mobilízanos o que ocorre en Palestina, na República Democrática do Congo, en Sudán, nos campamentos da poboación refuxiada saharauí, en Venezuela, en Cuba, en Ucraína e en todos aqueles lugares nos que o pobo sofre as consecuencias desas políticas da morte.
Acompañamos ás perseguidas e desprazadas -como as mulleres nicaraguanas apátridas- e esiximos verdade, xustiza e reparación. Tanto para os casos concretos, como o asasinato de Berta Cáceres, do que se cumpren agora dez anos, como para os pobos que sofren a política imperialista e o autoritarismo ou a poboación migrante e racializada que sofre as redadas do ICE.
Dóenos e mobilízanos o que ocorre en Palestina, na República Democrática do Congo, en Sudán, nos campamentos da poboación refuxiada saharauí, en Venezuela, en Cuba, en Ucraína e en todos aqueles lugares nos que o pobo sofre as consecuencias desas políticas da morte.
A responsabilidade de tecer alianzas
Somos feministas, traballamos en ONG de desenvolvemento, na Coordinadora Galega de ONGD e formamos parte da Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo. Falamos dende Europa, conscientes dos privilexios que nos atravesan: raciais, xeopolíticos e de clase. Temos a nosa responsabilidade de tecer alianzas cos movementos de mulleres e comunidades que resisten violencias e expolios en todo o mundo. Pois a situación xeopolítica lévanos sen lugar a dúbidas a ver tamén en Europa unhas tendencias que se moven, cada vez máis, cara ao autoritarismo e ao recorte de dereitos básicos.
Recoñecemos os avances globais impulsados polo movemento feminista, o sistema de Nacións Unidas e os Obxetivos de Desenvolvemento Sostible: teñen propiciado progresos reais para mulleres e infancia, incluídos avances en dereitos, benestar e oportunidades, aínda que o camiño cara a igualdade plena sexa, a día de hoxe, unha tarefa aínda inacabada.
De todo isto fala o especial 8M elaborado pola Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo, da que forma parte a Coordinadora Galega de ONGD.
Nel poderás atopar información, contexto, entrevistas a mulleres inspiradoras e dez medidas para conseguir que todas avancemos sen que ningunha quede atrás.
Cooperación galega con enfoque feminista
Os feminismos son, xunto co fortalecemento social, os eixos principais da cooperación galega no Sur Global.
Segundo os datos recollidos no terceiro informe O traballo das ONGD galegas no mundo, a aposta por unha cooperación con enfoque feminista está consolidada como eixo transversal a todos os proxectos e constitúe unha liña de traballo que se vincula con outra das liñas principais das ONGD galegas nestes últimos tempos: o fortalecemento do goberno e da sociedade civil, especialmente con organizacións de mulleres en países do Sur Global, como resposta estratéxica a un contexto internacional cada vez máis marcado polo aumento dos réximes autoritarios e o peche de espazos cívicos.
Pero máis alá dos posicionamentos, dos datos ou dos enunciados que definen os eixos de traballo da cooperación galega están elas: mulleres que se fortalecen, organizan e constrúen comunidade.
As protagonistas reais dos procesos de cambio, as que resisten e as que loitan, as que constrúen presente e futuro. As que fan fronte a múltiples violencias e desigualdades grazas a estratexias de resistencia, apoio mutuo e acción comunitaria.
Neste 8M no que reivindicamos máis feminismos, así como xustiza e paz fronte ao autoritarismo e á guerra queremos compartir de novo as historias de Khawla, Milagro, Nancy, Satu e Emilia dende Palestina, El Salvador, Honduras e Guinea Bissau e a súa loita pola igualdade.

