8M: polos dereitos das mulleres

Millóns de mulleres de todo o mundo sairán de novo ás rúas este 8 de marzo. Dende a Coordinadora sumámonos ás movilizacións convocadas en Galicia.

Ningún país do mundo alcanzou a igualdade plena. Existen determinados progresos cara á igualdade de xénero, pero o seu alcance é excesiva e desesperadamente lento. As mulleres e as nenas seguen sendo infravaloradas tal como denuncia ONU Mulleres e como constatamos desde a sociedade civil, as organizacións de desenvolvemento e os movementos feministas. As mulleres traballamos máis, gañamos menos e temos menos opcións; sofrimos múltiples formas de violencia no fogar e nos espazos públicos. Esta situación é vivida de maneira desproporcionada por mulleres que sofren outras discriminacións e violencias por seren indíxenas, afrodescendientes, migrantes, lesbianas, transexuais; por ter diversidade funcional; por profesar unha determinada relixión; por ser nais solteiras, etc. Por outra banda, existe unha ameaza significativa de reversión dos logros feministas que tanto esforzo custou alcanzar.

Sumámonos á revolta feminista

Revirada revista feminista

Como organizacións sociais que traballamos pola xustiza global, unímonos a onda de mobilizacións globais e aos movementos autónomos feministas de Galicia e do Estado español. Sumámonos á revolta feminista en defensa dos dereitos humanos por catro eixos fundamentais:

  • As violencias machistas e estruturais, unha forma brutal de dominación e opresión. Unha de cada tres mulleres ten sufrido violencia física, sexual ou psicolóxica.
  • O control da liberdade sexual e reprodutiva, instrumento do patriarcado para someter os corpos e as vidas das mulleres.Tres millóns de nenas son vítimas de ablación cada ano. 15 millóns de nenas son obrigadas a casar cada ano contra a súa vontade. O 71 % das vítimas de trata son mulleres e nenas.
  • A existencia de fronteiras interiores e exteriores cada vez máis excluíntes construídas a través do colonialismo, o racismo, a islamofobia, o capitalismo e o espolio dos pobos do Sur global. As mulleres migrantes e racializadas son relegadas a traballos de baixa cualificación independentemente da súa formación ou experiencia laboral.
  • A sustentabilidade da vida da economía da vida da economía feminista para defender vidas dignas, unha maior corresponsabilidade no coidado e unha relación sostible coa natureza. Defensoras de medio ambiente de todo o mundo están a poñer o corpo para defender o territorio e a vida; moitas delas sofren fustrigacións e mesmo son asasinadas.

2020, un ano decisivo

Este é un ano decisivo para a promoción da igualdade de xénero e a realización dos dereitos humanos de mulleres e nenas en todo o mundo porque coinciden varios aniversarios internacionais. Esta situación abre as portas a cambios firmes e decididos.

Cinco anos desde que comezou o camiño cara ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

20º aniversario da Resolución 1325 do Consello de Seguridade de Nacións Unidas sobre Mujeres, Paz e Seguridade. Unha resolución que demanda unha maior participación das mulleres nos procesos de construción de paz; esixe tamén construír estratexia de prevención e protección de violencia cun enfoque de seguridade humano non militarista.

10º aniversario da creación de ONU Mulleres.

25º aniversario da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, a axenda internacional, aprobada a escala mundial, a favor dos dereitos e o empoderamento das mulleres.
O lema elixido por Nacións Unidas para este ano –“Xeración igualdade”– conmemora, precisamente, o 25º aniversario da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing. Aprobada en 1995 na Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller, a Plataforma é recoñecida como a folla de ruta máis avanzado para o empoderamento das mulleres e as nenas en todo o mundo. O documento estableceu medidas, nacionais e internacionais, para actuar sobre os principais obstáculos que impiden a igualdade. Ao día de hoxe algunhas desas medidas están a ser cuestionadas.

Mobilizacións en Galicia

En cidades, vilas e aldeas; en centos de espazos e ao longo de toda a semana reivindicarase a urxente necesidade de garantir os dereitos das mulleres. Nesta ligazón>>> poden consultar as mobilizacións que terán lugar en Galicia esta semana e o propio 8M. Este ano, Galegas 8M convoca mobilizacións e folga de coidados. O sindicato CUT Galiza, a través da Secretaría das Mulleres, convocou folga laboral de mulleres de 24 horas para o domingo 8 de marzo.

Revirada revista feminista. Manifestación unitaria do 1 de marzo de 2020 en Verín

 

Fonte: Coordinadora Galega de ONGD – España