8M Folga feminista

Fonte: IPPDH

En 2017, as feministas arxentinas convocaron un paro internacional baixo o lema ‘Ni una menos, vivas nos queremos’. Este 8 de marzo, e por segundo ano consecutivo, a asemblea aberta Galegas 8M, formada por colectivo feministas, súmase á folga de mulleres convocada ese día “para reclamar un mundo diferente no que o dereito das mulleres a vivir unha vida digna se coloque no centro da axenda política, económica, social, educativa”. E fai un chamamento ás mulleres para que se sumen á folga de coidados, laboral, de consumo e estudantil durante 24 horas.

Dende a Coordinadora Galega de ONGD sumámonos ao paro laboral. Tamén, ao chamado para que todas as mulleres se unan á folga e quede claro canto e como de imprescindibles somos as mulleres en todos os ámbitos da vida [neste enlace>>> atoparedes  as formas de sumarse á folga] Porque se as mulleres paran, o mundo para!

Facémolo coa convicción de que o cambio é tan posible como imprescindible. Tamén, dende unha posición de autocrítica ao interno do sector das ONGD>>> e de corresponsabilidade no exercicio de contribuír a mudar a realidade global.

Animamos ás mulleres a participar nas distintas asembleas locais, mobilizacións e accións de protesta que terán lugar en distintas vilas e cidades galegas o 8 de marzo.

Estes son algúns dos datos que nutren as realidades que vivimos as mulleres no mundo:
– A ONU estima que 66.000 mulleres son asasinadas anualmente o mundo. En América Latina, por exemplo, cada día son asasinadas 12 mulleres polo feito de selo.
– Polo menos 200 millóns de mulleres e nenas sofren mutilación xenital feminina, segundo Unicef.
– Máis de 700 millóns de mulleres contraeron matrimonio antes de cumprir os 18 anos. Unha de cada tres fíxoo antes dos 15 anos.
– Aínda hoxe, 280 millóns de nenas atópanse en risco de casar antes de cumprir a maioría de idade, conforme aos datos da axencia das Nacións Unidas especializada na defensa dos dereitos da infancia.
– 225 millóns de mulleres de todo o mundo carecen de acceso a unha adecuada saúde sexual e reprodutiva e a medidas de planificación familiar, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS).
– 120 millóns de nenas de todo o mundo (algo máis dunha de cada 10) sufriron violencia sexual nalgún momento das súas vidas, de acordo ás estatísticas de Unicef. Isto provoca, entre outras consecuencias, embarazos non desexados e mortalidade por abortos inseguros.
– Uns 16 millóns de mozas de 15 a19 anos e aproximadamente un millón de nenas menores de 15 anos dan a luz cada ano, segundo a OMS. A maioría delas en países empobrecidos.
– A mesma organización sinala que 47.000 mulleres morren ao ano por abortos inseguros (32% en África e 24% en América Latina).
– As mulleres e nenas son o 71% das vítimas de trata, segundo a Oficina da ONU contra a Droga e o Delito. A maioría delas, para matrimonios forzados e escravitude sexual.
–  O 70% das persoas pobres no mundo son mulleres. Segundo Nacións Unidas, as mulleres realizan o 66% do traballo no mundo, producen o 50% dos alimentos, pero só reciben o 10% dos ingresos e posúen o 1% da propiedade.

Entre outras reivindicacións:
– Esiximos aos gobernos medidas reais, eficaces e con recursos que erradiquen as diferentes formas de violencias contra as mulleres e menores; que garantan a seguridade, o acceso á saúde e a dereitos sexuais e reprodutivos universais e gratuítos; que aseguren a igualdade de oportunidades e condicións laborais xustas sen fenda salarial nin teitos de cristal.
– Esiximos a corresponsabilidade do Estado e dos homes nas tarefas de coidados. Queremos unha conciliación corresponsable entre homes e mulleres que nos permita estar preto das nosas fillas e fillos e persoas dependentes e poder desenvolver tamén as nosas aspiracións vitais.
– Opoñémonos ás fronteiras nas que se vulneran os dereitos humanos. Fronteiras que causan explotación, violencia sexual, trata e abusos de todo tipo contra un cada vez maior número de persoas -sobre todo, mulleres e menores- en movemento debido a guerras, causas económicas, políticas, sociais ou ambientais.
– Chamamos a todas as mulleres a participar activamente na folga feminista e ás nosas organizacións para apoiala e facilitar o libre exercicio do dereito a folga e paro parcial de todas as traballadoras.
– Pedimos aos homes que colaboren, apoien e acompañen para permitir a participación das mulleres na folga. Que nos cubran encargándose dos servizos mínimos nos espazos de traballo e realizando o traballo de coidados que quedará sen facer. Se es home, estas son algunhas formas para participar no paro>>>

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: