Dentro do programa Somos Ponte -que desenvolvemos en colaboración coa Deputación de Pontevedra- impulsamos Ponte ao Día!: un xogo dixital para comprobar canto sabes sobre cooperación ao desenvolvemento e sobre os países do Sur Global.
Ponte ao Día! é algo así como unha pequena volta ao mundo da man da cooperación a través de cinco preguntas, tres respostas posibles e unha explicación ao respecto en cada partida.
Ademais, ofrece información sobre cooperación descentralizada a través da experiencia da Deputación de Pontevedra, xa que algunhas das preguntas deste trivial teñen que ver con proxectos financiados pola subvención para cooperación que convoca anualmente a institución provincial. Deste modo, ademais de xogar e aprender un montón de cousas diversas, poderás ver en que se materializa o lema “Compromiso local, xustiza global” que acompaña a Somos Ponte.
Aprender xogando sobre o mundo que nos rodea
Ponte ao Día! conecta realidades próximas e lonxanas coa cooperación galega, a través de preguntas pensadas para un abano amplo de coñecemento: cantos idiomas falan en Guatemala, cantos cafés lle custa a unha persoa de Pontevedra a cooperación ao desenvolvemento, cantos ODS compoñen a Axenda 2030, que é a xenofobia ou quen é Berta Cáceres, entre outras moitas.
Ponte ao Día agarda por ti! E ademais se xogas antes do 16 de decembro poderás participar no sorteo dun agasallo de Nadal xusto e solidario.