Publicamos o estudo ‘O poder solidario do local’

Fonte: IPPDH

25 Xuño 2021 |

O poder solidario do local é un estudo de Xosé Luis Pastoriza a petición da Coordinadora Galega de ONGD e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade sobre a política pública de cooperación municipalista en Galicia. A continuación reproducimos parte do limiar.

 

A comezos dos anos 90 do pasado século nacía a política pública de cooperación internacional para o desenvolvemento en Galicia como expresión do compromiso solidario da cidadanía galega cos países empobrecidos.

En 1991 fundábase a Coordinadora Galega de ONGD. Un ano máis tarde asinábase o primeiro convenio de colaboración entre a Axencia Española de Cooperación Internacional e a Xunta de Galicia, e no 1997 constituíase o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a iniciativa de dez concellos galegos co apoio do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI).

Non obstante, xa antes desta institucionalización, o poder local galego amosara un activo compromiso solidario no apoio a causas sociais internacionalistas e na resposta a crises humanitarias como a situación do pobo saharauí, os estragos do furacán Mitch, o xenocidio ruandés e a crise de persoas refuxiadas nos Grandes Lagos, etc.

Nestas case tres décadas de historia, o sistema galego de cooperación foise configurando de vagar dotándose dun marco normativo e de diversos documentos estratéxicos de referencia como os Plans estratéxicos do Fondo ou os Plans Directores da Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Ao tempo, xeráronse capacidades institucionais, mobilizouse a sociedade civil, persoal das administracións públicas e cargos públicos, creouse conciencia solidaria pola xustiza global nas entidades locais, e superáronse numerosos atrancos e ameazas como a alongada crise económica, financeira e fiscal da última década.

No horizonte deste traballo colectivo estivo sempre presente a esperanza e a ilusión pola construción en man común desde o local dun mundo liberado da pobreza extrema e as desigualdades, comprometido na loita contra o cambio climático e en que se realizan eficaz e plenamente os dereitos humanos, a xustiza social e ecolóxica e o desenvolvemento humano sustentable. 

 

Neste proceso o Fondo Galego e a Coordinadora traballaron activamente co fin de promover, impulsar e fortalecer a política pública de cooperación local para o desenvolvemento en Galicia a través de actividades conxuntas de sensibilización, formación, incidencia e investigación.

Este espírito de colaboración motivou que en 2018 se acordase a elaboración dun estudo sobre a cooperación local para o desenvolvemento con tres obxectivos:

  • Diagnosticar a realidade da cooperación para o desenvolvemento realizada polos concellos e deputacións galegos.
  • Identificar boas prácticas e experiencias de compromiso coa xustiza global por parte dos concellos e deputacións galegos.
  • Presentar propostas e recomendacións para o fortalecemento e mellora da cooperación municipalista galega.

O poder solidario do local ten a vontade de actualizar o coñecemento sobre a cooperación municipalista para o desenvolvemento en Galicia. E ser un espazo de construción colectiva para que os gobernos locais galegos poidan afrontar os retos e desafíos globais con políticas públicas a favor da xustiza social.

 

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: