Non se pode descolonizar sen despatriarcalizar: unha reflexión colectiva con María Galindo en Compostela

A actividade reuniu a preto de cincuenta persoas de ámbitos profesionais e vitais diversos, xerando un espazo plural de reflexión e diálogo.

Fonte: IPPDH

08 Xaneiro 2026 |

Comezamos o ano cunha actividade especialmente inspiradora que tivo lugar no Museo do Pobo Galego , que acolleu a sesión formativa Non se pode descolonizar sen despatriarcalizar, a cargo de María Galindo, pensadora feminista boliviana e integrante do colectivo Mujeres Creando.

A actividade reuniu a preto de cincuenta persoas de ámbitos profesionais e vitais diversos, xerando un espazo plural de reflexión e diálogo no que a participación activa e a interacción foron constantes ao longo de toda a sesión.

As tres preguntas fundamentais 

A intervención de María Galindo estruturouse arredor de tres preguntas fundamentais: que é o feminismo, de onde vén e para que serve. Para darlles resposta, a autora propuxo un percorrido crítico que cuestiona os relatos hexemónicos e permite repensar os feminismos desde unha perspectiva política, histórica e situada.

Neste sentido, articulou a súa análise a partir de catro ángulos xenealóxicos: o feminismo como ideoloxía que se expande de Norte a Sur; como proxecto de dereitos para as mulleres  impulsado desde os Estados; como proposta ineludiblemente ancorada no Estado moderno burgués e capitalista; e, finalmente, os feminismos como o único proxecto xenealóxico planetario que, para existir, é necesariamente múltiple, recoñecendo iniciativas simultáneas que responden a historicidades e contextos propios.

Neste sentido, María Galindo salientou a importancia de traballar desde a diversidade xenealóxica fronte á imposición dunha xenealoxía única, que aspira a construír un pensamento único e reproduce lóxicas claramente colonialistas.

Segundo expuxo, esta operación realízase a través de ferramentas como a diplomacia, a cooperación internacional ou determinadas prácticas artísticas.

Ao longo da sesión introduciuse tamén o concepto de tecnocracia de xénero, unha lectura crítica do que habitualmente se denomina “feminismo branco”, entendéndoo non desde o fenotipo, senón desde as relacións de poder e a súa función de desactivación de calquera posicionamento
antisistema.

Neste marco, a autora detívose en tres nocións amplamente empregadas con ese fin: o
empoderamento, que individualiza problemáticas estruturais; a tese da inclusión, que
nega a posibilidade de actuar fóra da lóxica dominante; e a mutilación da capacidade
subversiva dos movementos feministas. A sesión convidou tamén a reflexionar sobre os
mecanismos que están a moldear o feminismo galego na actualidade

A proposta da despatriarcalización

Na parte final da xornada, María Galindo presentou a Proposta da Despatriarcalización, como unha tese aberta que funciona ao tempo como método, lectura de época e horizonte político para desmontar as estruturas patriarcais.

Como liñas de acción, compartiu conceptos clave do traballo de Mujeres Creando, como o feminismo intuitivo, a política concreta ou a necesidade de establecer alianzas e recoñecer a diversidade dos suxeitos, favorecendo que estes saian da mudez e ocupen o espazo público, para o cal se utilizaron tamén exemplos reais de subversión realizados polo colectivo boliviano.

Sinalou, ademais, a relación ineludible entre a despatriarcalización e a descolonización, ao subliñar que o colonialismo incorporou o carácter patriarcal das culturas precoloniais como un elemento constitutivo do propio proceso de conquista. Esta operación xerou unha alianza inconsciente entre colonizador e colonizado ao redor da opresión das mulleres, o que permite entender ambos procesos como parte dunha mesma matriz de dominación: non pode pensarse o un sen o outro.

Esta sesión con María Galindo -que tivemos o privilexio de celebrar grazas a Solidariedade Internacional de Galicia e O Globo– insírese nunha secuencia formativa con Mujeres Creando que terá continuidade ao longo de 2026 da man da Coordinadora Galega de ONGD, co obxectivo de seguir avanzando colectivamente cara a unha cooperación feminista, crítica e transformadora.

A xornada en versión relatrograma

Unha das preto de cincuenta persoas que asistiu ao encontro con María Galindo foi a artista Adela Vázquez, que compartiu connosco os seus apuntes, en forma de relatograma.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: