Guatemala
Activista, mediadora de conflitos e guía espiritual

Antonio Grunfeld
Juventina é unha muller indíxena mam filla dun líder comunitario que loitou pola recuperación das terras ancestrais da súa comunidade. A súa infancia coincidiu cos anos máis crueis do conflito armado guatemalteco, unha guerra de 36 anos na que morreron duascentas mil persoas, desapareceron corenta e cinco mil e houbo máis de cen mil desprazadas.
A situación de pobreza e inseguridade que vivía a familia de Juventina non lle permitiu ir á escola. De moza, viaxou indocumentada aos Estados Unidos en busca dunha vida digna e foi capturada, retida e retornada a Guatemala. Ela asegura que o destino a levou de novo ás súas orixes para loitar polos seus dereitos e os da súa comunidade, Nueva Cajolá, en Champerico. Aos 25 anos comezou os estudos de primaria e aos 36 obtivo unha diplomatura.
Hoxe é activista, nai, mediadora de conflitos, guía espiritual e presidenta da Asociación Indíxena Agropecuaria Prodesarrollo Integral na que traballa para mellorar as condicións de acceso a un hábitat digno.“O importante do meu traballo é promover que as familias melloren o seu nivel de vida, especialmente as mulleres.
“Os logros acadados motívanme a seguir para poder velas vivindo baixo un teito seguro”.
Juventina é presidenta da Asociación Indíxena Agropecuaria Prodesarrollo Integral (ASIAPRODI) que colabora coa ONGD Arquitectura sen Fronteiras.