Segundo os datos do IPC en Gaza, a fame, a desnutrición e as enfermidades están a provocar un aumento dramático da mortalidade entre a poboación palestina. Facemos un chamamento urxente ao cesamento do fogo e á apertura dunha resposta humanitaria de grande escala.
A fame como arma de guerra
Mentres o asedio do goberno israelí mata de fame a poboación de Gaza, o persoal humanitario vese agora obrigado a facer cola nos mesmos comedores sociais, arriscándose a recibir disparos só por intentar alimentar ás súas familias, xunto con aquelas persoas ás que deberan estar a axudar. Vemos como os nosos propios compañeiros e compañeiras se consumen diante dos nosos ollos.
Máis de 100 organizacións volvemos dar a voz de alarma e instamos os gobernos a actuar: abrir todos os pasos fronteirizos terrestres, restablecer o fluxo completo de alimentos, auga potable, subministracións médicas e combustible a través de mecanismos baseados en principios e liderados polas Nacións Unidas, e poñer fin ao asedio.
O sistema humanitario está colapsado. “Cada mañá en Gaza, repítese a mesma pregunta: comerei hoxe?”, denunciou un representante dunha das organizacións sobre o terreo.
Obstáculos ao acceso humanitario
As masacres nos puntos de distribución de alimentos prodúcense case a diario: máis de 800 persoas foron asasinadas a tiros e miles resultaron feridas. A 13 de xullo, a ONU confirmara xa 875 persoas palestinas asasinadas mentres buscaban alimento: 201 nas rutas de axuda e o resto nos puntos de distribución. Miles máis resultaron feridas.
Mentres tanto, as forzas israelís desprazaron á forza a case dous millóns de persoas palestinas esgotadas, coa última orde de desprazamento masivo emitida o 20 de xullo, que confina á poboación a menos do 12 % da Franxa de Gaza. O Programa Mundial de Alimentos (PMA) advertiu de que as condicións actuais fan insostible calquera operación humanitaria. Utilizar a fame da poboación civil como método de guerra constitúe un crime de guerra.
Fóra e dentro de Gaza, toneladas de alimentos, auga, medicamentos e combustible permanecen bloqueadas en almacéns, sen que as organizacións poidan acceder ou distribuílas. As restricións arbitrarias, os atrasos e os desvíos impostos por Israel crearon un sistema de asedio artificial que xera caos, fame e morte.
Un traballador humanitario especializado en apoio psicosocial relatou o impacto nos nenos e nenas: “Dínlles aos seus pais que queren ir ao ceo, porque alí, polo menos, hai comida”.
Persoal médico e situación sanitaria
O persoal sanitario alerta de taxas récord de desnutrición aguda, especialmente entre menores. Espállanse enfermidades como a diarrea acuosa aguda, acumúlanse residuos e persoas adultas desplómanse nas rúas pola fame e a deshidratación. A media de distribucións é de só 28 camións diarios, unha cifra completamente insuficiente para máis de dous millóns de persoas, moitas das cales levan semanas sen recibir asistencia.
O sistema humanitario liderado pola ONU non fracasou: impediuse que funcione.
Impacto no persoal humanitario
As organizacións humanitarias temos a capacidade e os recursos para dar unha resposta a grande escala. Mais, ao negarnos o acceso, impídese que cheguemos ás persoas que máis o precisan, incluídos os nosos propios equipos, exhaustos e famentos.
O pasado 10 de xullo, a UE e Israel anunciaron medidas para aumentar a axuda. Porén, estas promesas soan baleiras cando non hai cambios reais sobre o terreo. Cada día sen un fluxo sostido de axuda supón máis persoas morrendo por causas evitables. Nenos e nenas morren de fame mentres agardan por promesas que nunca chegan.
Un sistema humanitario bloqueado
A poboación palestina está atrapada nun ciclo cruel de esperanza e frustración: agardan por axuda, agardan por un cesamento do fogo, e cada día esperta con condicións máis inhumanas. Non é só un tormento físico, tamén é unha tortura psicolóxica. A supervivencia convértese nun espellismo.
O sistema humanitario non pode operar con falsas promesas. O persoal humanitario non pode traballar con prazos arbitrarios e cambiantes.
Chamamento aos gobernos
Os gobernos deben deixar de agardar permisos para actuar. Non podemos seguir confiando en acordos que non funcionan. É hora de tomar decisións valentes e urxentes:
-
Exixir un cesamento do fogo inmediato e permanente.
-
Levantar todas as restricións burocráticas e administrativas.
-
Abrir todos os pasos fronteirizos terrestres.
-
Garantir o acceso a toda a poboación de Gaza.
-
Restablecer unha resposta humanitaria liderada polas Nacións Unidas e baseada en principios.
Os Estados deben adoptar medidas concretas para poñer fin ao asedio e deter a transferencia de armas.
Os acordos parciais e os xestos simbólicos —como os lanzamentos aéreos ou os falsos pactos de distribución— só funcionan como cortinas de fume para a inacción. Non substitúen as obrigas legais e morais dos Estados de protexer á poboación civil palestina e garantir un acceso humanitario real e a grande escala.
Os Estados poden e deben salvar vidas. Antes de que non quede ningunha por salvar.
O listado de entidades asinantes está dispoñible aquí