

As ‘cholitas escaladoras’ son un grupo de mulleres aimara de Bolivia que fan fronte á discriminación que sofren por seren mulleres e indíxenas escalando montañas.
Conseguiron un dos seus soños: subir á cima do Aconcagua (6.960 metros), o pico máis alto de toda América (tamén nomeada Abya Yala). Defenden a diario o orgullo de seren parte dos pobos orixinarios.
Teñen entre 24 e 50 anos e algunhas delas estiveron moitos anos preto das cimas. Acompañando aos homes da familia que traballan como guías de alta montaña, un oficio considerado masculino. Elas cociñaban nos campamentos ou carrexaban, pero nunca subían coa expedición. Ata que decidiron facelo e chegar tamén ao cumio. Rompen estereotipos demostrarondo que elas tamén poden escalar montañas mentres reivindican o respecto pola natureza e a súa cultura.
As mulleres indíxenas enfrontan diversas e sucesivas formas de discriminación histórica que se combinan e se superpoñen e que no permiten a garantía dos seus dereitos civís, políticos, económicos, sociais, culturais… así como o seu dereito a vivir vidas sen violencia.
Bolivia, como calquera outro país do mundo, tamén se ve afectado pola violencia cara ás mulleres. A súa máxima expresión tradúcese nun número de feminicidios moito maior ao do resto do continente.
A pesar de aprobarse nos últimos anos leis e normativas contra a violencia machista, a realidade é que existe un abismo entre a lei e a súa aplicación que dificulta unha protección e atención adecuada ás vítimas e o logro dunha xustiza reparadora.
Mujeres Creando é un colectivo autoxestionado que leva desde o ano 1992 construíndo a súa proposta feminista comunitaria para a transformación social, cuestionando e interpelando, desde as mulleres, o funcionamento da sociedade desde unha perspectiva feminista.
Solidariedade Internacional (SI) de Galicia está a dar apoio a Mujeres Creando no fortalecemento das capacidades das mulleres, nenas e adolescentes para o pleno exercicio dos seus dereitos no eixo da Paz, O Alto e Santa Cruz.
Por unha banda, fortaleceranse as accións de loita contra a violencia cara ás mulleres, levando a cabo actuacións de sensibilización e educación en centros educativos de secundaria sobre violencia de xénero e dereitos sexuais e reprodutivos.
Doutra banda, traballarase arredor dos dereitos económicos e ambientais das mulleres, baixo un enfoque de ecoloxía feminista, aumentando as capacidades de produtoras agroecolóxicas e apoiando en áreas urbanas a mulleres en situación de alta vulnerabilidade como empregadas do fogar ou vendedoras ambulantes.
