A Coordinadora Galega de ONGD celebrou o pasado mércores 28 de maio a súa asemblea xeral ordinaria, coa asistencia de boa parte das organizacións socias e cunha idea clara: “Sentirnos satisfeitas, como plataforma, polo que temos acadado neste último ano, pero sen perder de vista que a situación que estamos a vivir é complexa e delicada”.
Segundo María Paz, presidenta da Coordinadora, estanse a dar “pasos atrás relevantes e significativos”, tanto no contexto de Estado español como no Sur Global co que traballa a cooperación galega. Neste sentido, a apertura de asemblea xeral serviu para repasar cuestións “que nos preocupan e ocupan”, como a situación concreta de El Salvador e, en xeral, a persecución das defensoras e defensores de dereitos e os ataques aos liderados en diversos países e contextos.
Nese sentido, a Coordinadora reivindicouse na asemblea como unha plataforma capaz de dar apoio e de buscar solucións a través dunha sólida rede, que parte das súas organizacións socias.
Un grupo formado neste momento por 49 ONGDs, coa incorporación -trala correspondente votación da asemblea- de Fundación Mozambique Sur e AGA Ucraína.
As novas socias
Fundación Mozambique Sur é unha organización de cooperación ao desenvolvemento que focaliza a súa acción neste país africano. Creada en España en 2005, ten máis de 200 socios e colaboradores e delegacións en seis comunidades autónomas -entre elas Galicia- e grupos de apoio noutras dúas.
Pola súa banda, AGA Ucraína focaliza todas as súas liñas de traballo neste país dende o comezo da guerra. Faino proporcionando atención e apoio ás persoas refuxiadas que chegan a Galicia ata ás civís que permenecen nas zonas en conflito.
Ambas organizacións tiveron ocasión de presentarse ante a asemblea, expoñer o seu traballo, a súa misión e visión. Ademais de responder ás preguntas das demais organizacións.
As votacións finalmente permitiron a súa incorporación á Coordinadora. Benvidas! 😉
