Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022.- A Coordinadora Galega de ONGDs renuncia a executar o programa municipal Compostela + Solidaria, “por coherencia”, ao constatar que o Concello de Santiago vai camiño de incumprir por cuarto ano consecutivo os seus compromisos coa cooperación ao desenvolvemento e coa loita contra a pobreza, deixando de executar máis de 500.000 euros orzamentados para este labor no que vai de mandato, nun momento especialmente complicado para os colectivos máis vulnerables.
O Compostela + Solidaria é un programa municipal de sensibilización e divulgación que os últimos seis anos desenvolveu a Coordinadora de ONGDs en distintos espazos da cidade, situando Santiago como unha referencia á hora de reflexionar ao redor de temáticas como as migracións, a convivencia entre culturas, a emerxencia climática ou o consumo responsable.
A CGONGD representa a 45 entidades, que aglutinan a máis de 25.500 persoas entre socias, voluntarias e traballadoras e que operan cada ano en máis de 20 países co obxectivo de mellorar as vidas de máis de 400.000 persoas, a maioría delas mulleres, nenas e nenos. Está integrada na coordinadora estatal e coñece ben o esforzo en cooperación e solidariedade que fan as distintas entidades locais, autonómicas e estatais, na medida das súas posibilidades. É, precisamente, o seu papel dentro das redes de cooperación de Galicia e do conxunto do Estado o que obriga a Coordinadora a renunciar a colaborar no programa municipal Compostela + Solidaria, “por coherencia”, ata que o Concello de Santiago cumpra os compromisos que ten adquiridos na loita contra a pobreza e contra as desigualdades globais.
“Nun contexto como o actual, cando as ONGDs estabamos comezando a atallar as consecuencias sociais da pandemia da COVID-19 e chegou a crise da guerra en Ucraína para agravar a situación de vulnerabilidade que viven millóns de persoas en Europa e en todo o mundo”, salienta Alejandro Quiñoá, presidente da entidade, “precisamos que os nosos representantes respecten o compromiso da cidadanía na loita contra a pobreza e contra as desigualdades globais e cumpran co chamado internacional para reforzar a solidariedade cos países empobrecidos”.
Neste sentido, a CGONGD recorda que o goberno municipal compostelán puxo en marcha en 2017 e en 2018 unha convocatoria de proxectos de cooperación ao desenvolvemento grazas á cal nove entidades galegas traballaron cuestións como a mellora da calidade educativa, a promoción da saúde, a equidade de xénero, o reforzo das capacidades para mellorar a xestión pública da auga ou o fortalecemento de cooperativas de pescadores e pescadoras, man a man con organizacións locais de Honduras, O Salvador, Guatemala, Nicaragua e India.

Esta convocatoria pública, como outras similares que se veñen desenvolvendo con éxito noutros concellos galegos, funcionou sen maiores problemas na capital galega ata 2019, cando o actual grupo de goberno chegou ao consistorio e deixou sen executar os 120.000 euros previstos para esta partida, alegando “un problema de xestión interna”. Ante as preguntas ao respecto pola Coordinadora, o goberno municipal socialista confirmou a súa vontade de manter os compromisos adquiridos a través da convocatoria de proxectos, que sairía o ano seguinte. Sen embargo, en 2020 quedaron de novo sen executar os 120.000 euros orzamentados para esta convocatoria de proxectos de cooperación, debido a “problemas burocráticos internos” do Concello. En 2021, como medida compensatoria fronte a situación provocada pola COVID e debido á falta de capacidade do goberno municipal de publicar esta convocatoria en anos anteriores, foron orzamentados 220.000 euros, que quedaron novamente sen executar.
Este 2022 é, polo tanto, o cuarto ano que o Concello de Santiago se recoñece incapaz de executar o orzamento comprometido para a solidariedade e a loita contra a pobreza nunha convocatoria que se vén desenvolvendo sen problemas dende hai anos noutros concellos, como o de Lugo, e que tamén desenvolven en termos similares as deputacións de A Coruña e de Pontevedra. “Os tempos convulsos son tempos de aumentar a solidariedade, non de eliminala por falta de capacidade xestora”, recorda o presidente da entidade, Alejandro Quiñoá. “Nestes mesmos catro anos”, sentencia, “a Xunta de Galicia ten aumentado orzamento destinado a cooperación ao desenvolvemento e á loita contra a pobreza n un 40%”.
A esta situación de paralización administrativa, que a CGONGD considera insostible, súmase o feito de que dende a chegada ao goberno do Grupo Socialista non se volveu convocar o Consello Municipal de Cooperación do Concello de Santiago, o espazo de participación cidadá que contaba coa participación activa dos distintos grupos políticos municipais e de axentes de cooperación como as ONGD, representantes das asociacións veciñais, da Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, do Consello Económico e Social, do Foro Cívico, do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e do Foro Galego de Inmigración.
Por todo isto, a Coordinadora de ONGDs demanda que o goberno municipal faga efectiva a liña de axudas prevista para 2022 e que reactive o Consello Municipal de Cooperación, para o que solicita o apoio dos grupos da oposición e da cidadanía comprometida coa defensa dos dereitos humanos en todo o mundo, “para que traslade esta mesma demanda ao goberno municipal”. “A capital galega ten que estar á altura do que demanda a cidadanía”, remata Alejandro Quiñoá, “no actual contexto internacional, non podemos permitirnos perder, por falta de capacidade de xestión e por cuarto ano consecutivo, o orzamento destinado á loita contra a pobreza e á cooperación ao desenvolvemento”.