Esta pasada fin de semana participamos no XX Encontro da Rede de Coordinadoras Autonómicas para o Desenvolvemento, da que a Coordinadora Galega de ONGD forma parte. Nel reafirmamos o noso compromiso coa cooperación descentralizada e a nosa convicción de que outro mundo si é posible, a través de solucións compartidas e transformadoras. Estas son as propostas que refrendamos.
Vivimos nun tempo de múltiples crises: a escalada de conflitos bélicos, o deterioro progresivo do planeta, o fortalecemento da extrema dereita global ou o estreitamento do espazo democrático debuxan un escenario hostil para o mundo que a sociedade necesita. Un mundo de paz, dereitos e solidariedade.
Un estreitamento democrático que se reflicte en países como O Salvador, Ecuador e Perú, onde se rexistran importantes retrocesos en garantías democráticas a través da estigmatización e sanción do traballo das organizacións da sociedade civil e da criminalización e persecución de defensoras e defensores de dereitos humanos.
Preocupa tamén a situación no Sudán, un pobo que sofre unha das catástrofes humanitarias máis acuciantes da historia recente e sobrevive entre ataques, destrución e desprazamentos. Ou Palestina, nun contexto tan crítico e fráxil como o actual, onde, a pesar do alto ao fogo aparente e da entrada parcial de axuda humanitaria, está lonxe un escenario de paz xusta e duradeira que xulgue os crimes e poña fin á ocupación e ao xenocidio.
Atopámonos nun contexto co maior número de conflitos armados activos desde a Segunda Guerra Mundial, 56 en total. Asistimos, ademais, a un escenario internacional de aumento xeneralizado do gasto militar. Segundo o Índice Global de Paz de 2024, o gasto militar mundial aumentou nun 9,4%, a maior subida anual desde o final da Guerra Fría.
A cooperación ao desenvolvemento atravesa tamén un momento de especial fraxilidade. Segundo os últimos datos do Comité de Axuda ao Desenvolvemento, en 2024, a Axuda Oficial ao Desenvolvemento descendeu a nivel global por primeira vez en seis anos. Unha caída que ameaza o sostemento de políticas públicas esenciais e compromete as posibilidades de millóns de persoas, poñendo en risco avances logrados en dereitos e igualdade.
Con todo, é importante mirar tamén os sinais de esperanza. Exemplo diso son as mobilizacións masivas en solidariedade co pobo palestino das últimas semanas ou a aprobación, o pasado 10 de novembro, do Pacto birexional polos Coidados na IV Cumio CELAC-UE, impulsado por organizacións sociais, feministas e de dereitos humanos de ambas rexións do planeta. Ambos son un reflexo de como, cando a sociedade civil se organiza, se converte en motor de cambio e de construción de xustiza social.
Neste escenario de crises, pero tamén de oportunidades, a cooperación descentralizada adquire unha relevancia fundamental. Este tipo de cooperación, que hoxe reúne á Rede de Coordinadoras Autonómicas en Madrid, é a expresión da solidariedade dos pobos e dos territorios. Un modelo de cooperación que impulsa a participación cidadá, fortalece o tecido social e nos achega a sociedades máis xustas e solidarias.
Porén, para ser realmente eficaz e transformadora, é necesario contar cunha aposta orzamentaria forte e cun compromiso real das autoridades públicas. En 2025, a media autonómica dos orzamentos destinados á cooperación foi do 0,12%, idéntica á do ano anterior e aínda moi afastada do 0,7%. Analizando a media total desde 2018, vemos que permanece practicamente igual, con valores próximos ao 0,12% e cuns orzamentos autonómicos xerais que se incrementan ano tras ano.
Ante esta situación, é especialmente preocupante o avance dos discursos de odio, desde os que se cuestiona o papel das ONGD, se deslexitiman as políticas de cooperación ao desenvolvemento e se promoven miradas antidereitos que ameazan os piares máis básicos das democracias. Ante isto, necesitamos fortalecer a comunicación transformadora e a educación para a cidadanía global, promovendo a conciencia crítica e empoderando as persoas na defensa dos seus dereitos e na promoción da xustiza social.
Propostas para unha cooperación descentralizada transformadora
Por iso, no marco do XX Encontro da Rede de Coordinadoras Autonómicas para o Desenvolvemento, reafirmamos o noso compromiso coa cooperación descentralizada e lanzamos as seguintes demandas e propostas aos gobernos autonómicos e locais:
-
Posicionar a cooperación ao desenvolvemento como unha política pública prioritaria nos diferentes niveis da administración. Para iso, é necesario cumprir coas leis, plans e acordos autonómicos e locais onde se fixa o obxectivo do 0,7%. Igualmente, é clave defender o cumprimento da Lei 1/2023, de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global, e avanzar en liña coas tendencias internacionais que van nesta dirección.
-
Reverter as tendencias de redución dos orzamentos de Axuda Oficial ao Desenvolvemento e incrementar os esforzos naqueles contextos onde o crecemento está a ser moi limitado. É necesario establecer follas de ruta realistas pero ambiciosas que permitan ser coherentes cos obxectivos marcados e coas responsabilidades adquiridas.
-
Fortalecer e dotar de recursos a Educación Transformadora como motor clave para construír sociedades xustas e solidarias, capaces de actuar como axentes de cambio na defensa dos dereitos humanos e na promoción da xustiza social.
-
Adoptar medidas de coordinación para lograr unha acción global de goberno, de modo que todas as políticas se orienten de maneira sinérxica cara a un desenvolvemento inclusivo e sostible en todo o planeta, segundo o principio de coherencia de políticas.
-
Garantir maior transparencia e execución orzamentaria. É imprescindible asegurar que os orzamentos se executen, publicando para iso informes e memorias de seguimento e execución.
-
Avanzar na desburocratización dos procesos administrativos e na harmonización de criterios na cooperación descentralizada, desenvolvendo un marco común en materia de AOD. O novo Real Decreto de Subvencións de Cooperación Internacional é unha oportunidade para avanzar nesta liña e para dotar de normativa básica e homoxeneizada as diferentes administracións autonómicas. Do mesmo xeito, a Conferencia Sectorial debe constituírse como unha ferramenta para a articulación e potenciación da cooperación descentralizada.
-
Fomentar a participación das organizacións da sociedade civil, que deben ter un rol central na definición, implementación e seguimento das liñas de actuación das políticas de cooperación no ámbito descentralizado.
Sigamos apostando pola cooperación na que creemos, organizándonos e sendo máis estratéxicas. Ante contextos complexos, solucións compartidas e transformadoras que nos lembran que outro mundo é posible e que hoxe, aquí, estamos a construír xa ese outro mundo.

