Israel: o incumprimento sistemático do dereito internacional non pode quedar impune

No 77 aniversario da Nakba, as organizacións que conformamos a Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo esiximos por enésima vez o alto o fogo permanente en Gaza, a entrada de axuda humanitaria e a investigación dos posibles crimes de guerra.

Fonte: IPPDH

14 Maio 2025 |

77 anos despois da Nakba -a expulsión de centos de milleiros de persoas dos territorios palestinos trala formación do Estado de Israel- Gaza sofre unha das maiores barbaries da historia recente da humanidade.

Segundo datos de Nacións Unidas, arredor do 92% das vivendas da franxa están danadas ou destruídas. Calcúlase que hai 50 millóns de toneladas de cascallos, baixo os que hai 11.000 persoas desaparecidas. “Os retrasos na súa retirada e a recuperación dos cadáveres están a a causar un inmenso sufrimento psicolóxico e un inminente desastre sanitario e medioambiental”, denuncia a ONU.

Nos últimos días, Israel aprobou un plan para ocupar definitivamente os territorios que está tomando en Gaza. Anunciou tamén que permitirá a entrada de alimentos, medicación, auga e combustibles á franxa, aínda que non será inmediato e -o que é aínda máis preocupante- realizarase no marco dunha total militarización da axuda humanitaria. As axencias da ONU xa anunciaron que non formarán parte desta iniciativa por “ir contra os principios humanitarios fundamentais”.

Que esiximos dende a Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo?

Neste contexto, as organizacións como a Coordinadora Galega de ONGD, que formamos parte da Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo, esiximos por enésima vez o alto o fogo permanente, a entrada de axuda humanitaria e a investigación dos posibles crimes de guerra.

A día de hoxe, e segundo datos oficiais, Israel asesinou a máis de 52.000 persoas palestinas en Gaza e máis de 1.800 dende que rompeu o alto o fogo a mediados de marzo, multiplicando as hostilidades. Neste momento non se permite a entrada de asistencia humanitaria, o bloqueo é total e a situación é dantesca. O 91% da poboación padece inseguridade alimentaria extrema, 350.000 persoas atópanse en niveis catastróficos de hambruna e alomenos 65.000 menores están hospitalizados con malnutrición severa.

Poñemos o foco en Gaza, pero paralelamente, a situación agravouse en Cisxordania e Xerusalén Leste. Por iso, dende a Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo esixímoslle ao Goberno de España que poña fin de forma inmediata e real ao comercio de armas con Israel.

E lembrámoslle que hai puntos recollidos na PNL aprobada polo Congreso hai máis dun ano que aínda están pendentes e que son urxentes.

Cuestións contempladas na PNL que deben abordarse de maneira inmediata

  • Esixir ás partes un alto o fogo permanente.
  • Esixir ás partes do conflito que permitan un acceso humanitario suficiente e sostido, especialmente en Gaza.
  • Esixir ás partes o respecto ao Dereito Internacional Humanitario e dos dereitos humanos.
  • Poñer fin ao comercio de armas entre o Estado español e Israel.
  • Traballar para unha solución negociada ao conflito.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: