Ás portas do outono Compostela acolleu as Xornadas por unha economía Global Xusta e Sostible: un encontro impulsado pola Plataforma de Empresas Responsables (PER) xunto con numerosos colectivos e co que colaboramos dende a Coordinadora Galega de ONGD.
Fíxoo un día antes do Cumio de Ministros de Economía e Finanzas da Unión Europea, Latinoamérica e o Caribe, que se desenvolveu na cidade ao fío da presidencia española do Consello da Unión Europea, co obxectivo de reivindicar unha economía global máis xusta e sostible a través do concepto da “debida dilixencia”.
A debida dilixencia como fío conductor
Debida dilixencia é un concepto que fai referencia ao compromiso real das empresas -a través de procedementos concretos e eficaces- de erradicar de toda a súa cadea de produción, en calquera lugar, aquelas prácticas que afondan na falta de dereitos e desigualdades. Como, por exemplo, degradación medioambiental ou traballo infantil, entre outros.
Para que ese concepto se materialice na práctica, fai falta un compromiso real. Por parte do sector empresarial, pero dende logo tamén por parte do ámbito político.
E diso, entre outras moitas cousas, se falou nestas xornadas, como podes ver nesta serie de vídeos que recollen palestras e entrevistas coas persoas expertas que participaron nelas
O programa destas xornadas inaugurouse o 13 de setembro coa proxección do documental “A ilusión da abundacia”, acompañada por un coloquio e culminou o día 15 pola tarde cun acto reivindicativo e a lectura dun manifesto na Alameda, ao pé da Estatua da Inxustiza.