A acción humanitaria en 2017-2018: unha acción múltiple pero insuficiente

Autoría Instituto de Estudios sobre Conflictos y Acción Humanitaria (IECAH) Resumo Informe do Instituto de Estudios sobre Conflictos y Acción Humanitaria (IECAH) no que, a través de sete artigos, realiza un balance da acción humanitaria en este bienio. Temática Acción Humanitaria , Informes Ler documento

Durante o período 2017-2018, a acción humanitaria viuse superada por uns problemas que non ten capacidades de resolución por si soa. Estivo sometida a unha fortísima presión para encarar tarefas que moitas veces supoñían un abandono de responsabilidade por parte dos Estados, tendo ademais que axustarse ás directrices das estratexias de seguridade dos principais actores. Os conflitos e as situacións de violencia seguiron incrementando a súa complexidade e os desastres naturais mostraron patróns cada vez máis impredicibles como consecuencia do cambio climático.

2017 volveu rexistrar un volume récord de persoas refuxiadas (25,4 millóns), persoas desprazadas (40 millóns) e solicitantes de asilo (3,1 millóns) como resultado da persecución, os conflitos, a violencia ou as violacións dos Dereitos Humanos e do Dereito Internacional Humanitario. Tamén aumentou o número de quen estaba en situación de subalimentación crónica, (821 millóns). Ás tres emerxencias nivel tres xa coñecidas- en Siria, Iraq e Iemen- engadiuse en outubro a crise de persoas refuxiadas rohinya, o agravamento da situación na República Democrática do Congo e o grave terremoto e tsunami de Sulawesi (Indonesia), en setembro de 2018.

Outras crises de carácter crónico xa se fixeron desgraciadamente habituais no escenario internacional. A acción humanitaria internacional alcanzou a cifra récord de 27.300 millóns de dólares, impulsada polo aumento de fondos privados. Pero as necesidades sen cubrir seguiron crecendo e a cobertura media dos chamamentos foi de só o 59% –a segunda máis baixa desde 2008–. No Estado español, comezou a rexistrarse certa recuperación, aínda que as cifras distaron moito das de hai unha década.