Día das persoas cooperantes

Contamos coa testemuña de 5 expatriadas que están traballando xunto á sociedade civil e as poboacións máis vulnerables en plena pandemia da COVID

Fonte: IPPDH

08 Setembro 2020 |

O 8 de setembro celébrase o Día das persoas cooperantes. A data, elixida en 2006, corresponde co día que os dirixentes da maioría dos países do mundo aprobaron no 2000, na sede das Nacións Unidas, a Declaración do Milenio, unha alianza mundial para “reducir os niveis de extrema pobreza”.

Este 2020 a data ven marcada polas consecuencias da Covid-19. Dende hai tres meses, o foco da
sitúase en América Latina e tamén avanza en África, territorios afectados cronicamente
pola pobreza, as desigualdades e con sistemas de saúde precarios. Algúns deles son países prioritarios para a cooperación galega onde as ONGD traballamos man a man xunto ás organizacións locais para melloras as condicións de vida da poboación.

Percorremos 5 países da man de cooperantes que están traballando xunto á sociedade civil e as poboacións máis vulnerables. Como demostrou a COVID-19, traballar para mellorar a situación doutros lugares do planeta supón contribuír ao benestar global.


 

Alicia López Fariña. República Dominicana

Técnica Expatriada de Entreculturas para a rexión Caribe: República Dominicana, Haití e Cuba.

 

Imaxe: Sergi Camara

 

Os retos en Haití e Dominicana son moi diferentes a pesares de ser dous países dentro dunha mesma illa. Tamén o foi a incidencia do virus. Dominicana é un país turístico por excelencia, a interdependencia económica e social con países externos é extremadamente palpable. A pesar de ser un país catalogado como de renda media, as desigualdades estruturais son inmensas e agraváronse aínda máis con esta crise e coa ausencia dun Estado que poida facer de paraugas para as rendas máis baixas. As fendas xa existentes agraváronse: a fenda socioeconómica, a fenda de xénero, a fenda dixital…

Haití é un país en crise sociopolítica e económica dende xullo de 2018. Esta situación só agravou e tensou unha situación que quedou, por dicilo dalgún xeito, paralizada. Agora que se está reanudando a “normalidade” os problemas previos tamén se reanundan e están moito máis agravados. Por razóns históricas, Haití é un país importador, unha crise deste estilo que obriga a pechar fronteiras é perigosísima: non hai importación de produtos polo que os prezos dos produtos que hai aumentan exponencialmente. Agora mesmo está decretada a alerta humanitaria por fame en Haití.

Volta ao cole

Na República Dominicana está en debate, pero todo apunta a que este primeiro trimestre será virtual. Hai un compromiso do novo goberno (que tomou posesión o 16 de agosto) de “asumir el costo de la conectividad de cada estudiante con las diferentes compañías telefónicas y de cable, así como utilizar la radio, la televisión y los canales de cable para la trasmisión de contenido educativo”.

Dende Fe y Alegria Dominicana hai moitas dúbidas en relación á posibilidade desa garantía. A organización xestiona 63 escolas no país e, durante os meses da crise da COVID-19 calcularon que máis dun 30% do alumnado non puido dar seguimento ao curso escolar a través das posibilidades virtuais que se lle ofreceron. Nese sentido, como resposta a esta previsible decisión estatal, FyA está realizando manuais en físico para repartir a cada alumno e alumna, convenios con radios do país para grabar as sesións e está intentando organizar formacións para o profesorado e o mellorar o seu manexo das TIC. Aínda así, vai ser un inicio de curso moi retador.

En Haití o curso comezou en agosto. Hai que ter en conta que, debido á situación do país ao longo do ano 2019, en moitas zonas do país (especialmente nas grandes cidades) non se puido comezar o curso escolar ata o mes de decembro/xaneiro. Así que o curso 2019-2020 quedou reducido á mínima expresión. A proposta do goberno é rematar o curso 2019-2020 en outubro, e comezar en novembro o ano académico 2020-2021.

Contrapartes coas que traballan: Fe y Alegria Dominicana. Sector educativo formal. Foi et Joie Haití. Sector educativo formal. Centros sociales Loyola en Cuba. Sector educativo non formal ou social.


Raquel Zolle Fernández. Honduras

Representante en Honduras de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia

 

Produtoras e produtores participantes na Escuela de Campo en agricultura // Foto: José Elý Gutiérrez

 

En Honduras o confinamento comezou relativamente cedo nun país no que moita xente vive do día a día e precisa saír á rúa para ganar o sustento. Foi imposible manter ese confinamento de xeito estricto. Dende o inicio comezaron as movilizacións de fondos para poder abastecer de alimentos ás familias máis necesitadas. Porén, non se deu o control do virus.

O coronavirus extendeuse moito en Honduras, especialmente en determinadas zonas como a sur. A atención hospitalaria colapsou en xuño, dándose moitas situacións difíciles para as familias. Moitas das persoas en comunidades afastadas, rexeitaron asistir a centros sanitarios pola desconfianza da capacidade de atención e preferiron tratarse en casa con remedios naturais (tés de plantas, etc), e con medicamentos adquiridos en farmacias. Todo isto conleva que as cifras oficiais de contaxiadas e falecidas están moi por debaixo da situación real, situación agravada polo retraso da saída de resultados das probas PCR, debido á falta de capacidade dos laboratorios.

Este colapso da capacidade sanitaria está enmarcada en graves acusacións de corrupción e neglixencia na compra de insumos médicos por parte do Goberno, que está sendo investigada polo Tribunal de Contas. Como este ente é así mesmo de carácter gubernamental, formáronse outras entidades de control externas participadas por expertas en materia fiscal, de aduanas, etc. de diferentes ámbitos sociais (universidade, ONG locais, etc.).

Por outra banda, agravouse a separación do goberno co colectivo médico do país, especialmente a confrontación co Colexio Oficial de Médicos, que xa se viña dando dende hai uns anos por motivo dos intentos de privatización e redución de dotación ao sistema público, así como o sonado caso de corrupción do seguro social, tralo que se abriu un proceso legal e se atopan acusados diversos políticos e funcionariado público. O agravamento desta tensión dificultou o traballo en equipo e apertura á participación do colectivo médico nas tomas de decisión estratéxicas do goberno en torno á pandemia.

Actualmente se está dando unha situación de redución de incidencia da pandemia, así como da gravidade da mesma aínda que seguen dando positivo máis de 1.000 persoas ao día nunha poboación de 10 millóns de persoas. O número de hospitalizadas é menor e os hospitais se atopan por debaixo da súa capacidade máxima.

Contrapartes coas que traballan: Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca (CODDEFFAGOLF); Mancomunidade de Municipios do Sur NASMAR que engloba 7 concellos costeiros;  Asociación Hondureña de Juntas Administradoras de Sistemas de Agua (AHJASA ).


Estíbaliz Pazos Táboas. Ecuador

Coordinadora expatriada do Convenio “Produción ecolóxica, comercio xusto e consumo responsable, Ecuador (2019 – 2022)”, executada pola Fundación Maquita e Manos Unidas coa colaboración da AECID.

Foto: Jennifer Cedeño

 

No caso de Ecuador, a pandemia agravou unha situación de crise financeira, socio-económica e política. As brechas socioeconómicas e de xénero xa existentes empeoran cando o coronavirus chega a países como Ecuador, onde o traballo informal emprega ao 46% da poboación. Para estas persoas, a pandemia implica dificultades para satisfacer necesidades básicas como comer, adquirir medicamentos ou estudar.

As políticas públicas para protexer ás maiorías sociais son claramente insuficientes. Isto ocorre nun país onde o Estado carece de liquidez e pon por diante o pago da débeda externa e as medidas de axuste estrutural (privatizacións, despidos de traballadores do Estado, reforma laboral, etc.) esixidas por organismos internacionais como o Fondo Monetario Internacional (FMI), sobre a protección sanitaria e social.

 


Víctor Madrigal. Guinea Bissau

Representante da ONG Ayuda, Intercambio y Desarrollo (AIDA) en Guinea Bissau.

 

Foto: Víctor Madrigal

 

A evolución da epidemia ten tintes menos dramáticos que no Estado español: menos mortes e sen grandes picos epidemiolóxicos, pero cunha constante identificación de casos e ingresos nos Centros Hospitalarios desde o mes de abril ata hoxe. Existe transmisión intracomunitaria e expansión xeográfica do virus nas rexións do país desde hai cinco meses aproximadamente. Nunha poboación de dous millóns de habitantes detectáronse ata o momento algo máis de 2.000 casos dos cales a metade xa no están activos. Morreron oficialmente por causa da COVID 34 personas ata o momento.

A ONGD AIDA tivo que suspender temporalmente diversas actividades dalgúns programas de desenvolvemento polas restricións de movilidade impostas polo Estado de emerxencia. Dedicáronse moitos dos recursos (humanos e económicos) á realización de campañas de información e actividades de prevención da transmisión.

Contrapartes coas que traballan: AMIC Amigos das Crianças; Liga Guineense dos Direitos Humanos LGHD; Céu e Terra; Comité Nacional para el Abandono de Prácticas Nefastas; Pro-Bolama: Desarrollo integral de la isla de Bolama.


Tomás Pardo. Nicaragua

Representante de Amigos de la Tierra- España en Nicaragua

 

Foto: Amigos da Terra

 

Nicaragua ven dunha situación sociopolítica moi complicada os últimos anos: o conflito do 2018 deixou un país con moitas dificultades tanto a nivel social como económico. Esta nova crise está a por nunha posición moi difícil a moita xente que xa se atopaba en situación de vulnerabilidade.

Agora máis que nunca é imprescindible potenciar é solidaridade internacional que permita apoiar és organización locais que están a levar procesos enfocados a paliar as consecuencias da crise, principalmente a reforzar o sistema de saúde, na recuperación do tecido productivo local e enfocadas é seguridad alimentaria da poboación.

En Nicaragua por parte do goberno non se tomou ningunha medida oficial para restrinxir a mobilidade ou chamar ao confinamento da poboación durante a pandemia. Ainda así, dende finais de marzo ate xuño limitamos actividades en terreo. Os proxectos coas organizacións locais actualmente están enfocados a garantizar a seguridade alimentaria nas comunidades dende a agroecoloxía. Tamén, a mellorar medios de vida traballando con cooperativas tanto agrícolas como de pescadores/as, sempre orientados á conservación dos recursos naturais da zona.

Contrapartes coas que traballan: Instituto de Promoción Humana de Somoto -INPRHU Somoto, Fundación LIDER, Fundación entre Volcanes, Universidad Nacional Agraria (UNA), Universidad Nacional Autónoma de Nicaragua en León (UNAN León) 

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: