Asina o manifesto!

Ante a emerxencia económica e social e o retroceso democrático e de dereitos que vivimos, diversos colectivos sociais, entre os cales a Coordinadora Galega de ONGD e varias das súas organizacións socias, decidimos dar un paso á fronte poñendo en marcha a campaña Cuenta atrás. Nuestro futuro es ya. 

Estamos nunha conta atrás se queremos un mundo para todas, sen pobreza, sen desigualdades e sustentable. A emerxencia da situación require que nos mobilicemos masivamente. Os nosos representantes políticos teñen que dar respostas.

Para iso elaboramos o manifesto que atoparedes a continuación e que podedes asinar aquí>>> xunto a máis de 1.200 persoas e 100 colectivos:

Vivimos tempos de incertezas. Estamos nunha conta atrás se queremos un mundo para todas, sen pobreza, sen desigualdades e sustentable ecoloxicamente. Unha conta atrás que queremos transformar nunha conta cara a adiante para cambiar o mundo, para converter as incertezas en oportunidades. Para que ese futuro para todas sexa xa.

O cambio climático xa está aquí. Desxeo dos polos, subida do nivel do mar, secas e inundacións cada vez máis devastadoras, desaparición de especies animais e vexetais, desertificación, desprazamentos forzados. Acábase o tempo para evitar que o quecemento global supere os 1,5 graos centígrados. No Estado español, a auga dispoñible pode diminuír entre un 24% e un 40% dependendo da conca.

A desigualdade e a pobreza aumentan. Só 26 persoas posúen a mesma riqueza que os 3.800 millóns de persoas máis pobres do mundo. En España, o cuarto país máis desigual da UE, o 30% dos fogares non conta cos recursos necesarios para o coidado dos fillos. En 2018 producíronse 44.606 desafiuzamentos, 163 cada día.

Desde 2014 perderon a vida no Mediterráneo 18.207 persoas. Case 9.000 persoas foron encerradas en 2017 en España en Centros de Internamento de Estranxeiros por unha falta administrativa, non posuír papeis en regra.

Nalgún momento da súa vida o 12,5% das mulleres sufriu violencia física e/ou sexual a mans das súas parellas ou exparellas no Estado Unha cifra que aumenta ata o 21,1% cando se trata de mulleres con diversidade funcional.

A finais de 2018, polo menos 50 países de todas as rexións do mundo promulgaron ou estaban a elaborar leis para obstaculizar o traballo das ONG e dos activistas que participan nelas. No Estado, desde a aprobación en xullo de 2015 da lei mordaza e ata finais de 2017, impuxéronse unha media de 80 multas diarias contra a liberdade de expresión.

Non podemos seguir esperando. Non podemos permitir que isto siga así. Non o queremos permitir!

Queremos transformar realidades. Por iso, únete ao noso chamamento, #sumar ás nosas esixencias aos partidos políticos e ás institucións.

As nosas esixencias:

Fronte a deriva autoritaria, máis democracia

  • Unha democracia libre de corrupción, ao servizo da cidadanía e non capturada por uns poucos e os seus intereses.
  • A derrogación das leis mordaza que buscan silenciar as nosas protestas.
  • Que se garanta a independencia xudicial.
  • Que se escoiten as nosas voces e respéctese o dereito de acceso aos medios de comunicación públicos e ao desenvolvemento de medios de comunicación comunitarios.

Fronte á desigualdade, economía ao servizo das persoas

  • Unha fiscalidade xusta e progresiva, na que se aumente a imposición ecolóxica, se aplique o imposto ás transaccións financeiras e quen máis ten máis pague.
  • Que os nosos impostos se destinen a financiar políticas sociais efectivas e ambiciosas que garantan dereitos básicos como a vivenda, saúde, educación e servizos sociais públicos.
  • Que as finanzas non ameacen á sociedade impoñendo as súas demandas e subordinando todo á súa expansión indefinida. Que se poñan ao servizo da cidadanía.

Maior transparencia e regulación efectiva das finanzas

  • Que se fortalezan os dereitos laborais, reducindo a precariedade e as brechas de desemprego e de xénero.

Fronte ao cambio climático, unha economía sustentable e xusta

  • Escoitar as demandas da mocidade para cambiar o sistema e non o clima.
  • Que os gobernos tomen xa medidas firmes para evitar a destrución do medio ambiente e para asegurar un planeta vivo, no que axustemos a produción e o consumo aos seus límites.

Fronte ao sistema patriarcal, xustiza de xénero

  • Políticas de igualdade e políticas que contribúan a unha maior corresponsabilidade nos coidados.
  • Aumentar e mellorar as accións e recursos para a prevención e eliminación de todas as violencias de xénero.
  • Formación en igualdade e educación sexual en todos os ciclos de ensino.
  • Garantir os dereitos sexuais e reprodutivos na sanidade pública.

Fronte ao racismo e o odio, garantía de dereitos e respecto á dignidade das persoas

  • Frear e condenar a proliferación dos discursos de odio nas nosas institucións públicas e nos medios de comunicación.
  • Blindar as leis e normativas que garanten os dereitos de mulleres, as persoas migrantes e refuxiadas, as persoas racializadas, as persoas LGTBIQ e outros colectivos que, debido á desigualdade, a discriminación e/ou a exclusión, atópanse nunha situación de vulnerabilidade.
  • Que se deixe de criminalizar ás persoas que emigran e respéctese o dereito a migrar e o dereito de asilo.

Fronte a un mundo cada vez máis inxusto e inseguro, responsabilidade global

  • Que o Estado español e Europa melloren a súa cooperación internacional e contribúan á erradicación da pobreza e a desigualdade, ao freo ao quecemento global, á defensa dos dereitos humanos -por encima do poder das grandes empresas transnacionales- e á solución pacífica dos conflitos.

Por que agora?

A emerxencia da situación require que nos mobilicemos masivamente. Os nosos representantes políticos teñen que empezar a dar respostas a estes problemas. E o contexto electoral é o momento de esixir un cambio de rumbo.

Súmate ao manifesto cidadán para que entre todas e todos consigamos cambiar as cousas. Sumemos as nosas voces. Apoia este manifesto coa túa firma, difunde, participa. Xuntas podemos conseguir que as persoas e o planeta sexamos o centro da acción política.

O día que se produza o primeiro debate de investidura entregaremos as firmas no Congreso para que os grupos parlamentarios non esquezan que queremos que, nas nosas cidades, países, e no mundo, garántanse os dereitos para todas as persoas, a diversidade, a sustentabilidade, a solidariedade, a democracia e a liberdade.