Propostas electorais das ONGD

Dende a Coordinadora Galega de ONGD elaboramos un documento>>> coas nosas propostas para as eleccións municipais que se celebrarán o 26 de maio. Durante os dous últimos meses centramos a nosa liña de traballo de incidencia política en presentar as propostas aos distintos partidos políticos das principais cidades galegas.

As nosas demandas son:

1. COMPROMISO POLÍTICO
Exercer a competencia en materia de cooperación para o desenvolvemento baixo un enfoque de xénero, de defensa dos dereitos humanos e de sostibilidade ambiental que garanta a súa vocación transformadora. Visibilizar a competencia integrándoa na denominación da concellería ou servizo responsable da mesma.

2. ORZAMENTO DIGNO
Garantir dotacións orzamentarias suficientes para o desenvolvemento das políticas municipais de cooperación para o desenvolvemento. Para isto será necesario aumentar os recursos orzamentarios destina dos a esta política pública ata chegar de forma paulatina ao 0,4 % do orzamento consolidado ao final do novo ciclo político (e sempre co horizonte de acadar o compromiso internacional do 0,7 %).

3. AXUDAS PÚBLICAS TRANSPARENTES E EN CONCORRENCIA COMPETITIVA
Dotar convocatorias públicas de axudas para apoiar a posta en marcha, por unha banda, de iniciativas de cooperación para o desenvolvemento en países empobrecidos e, pola outra, de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global no noso territorio, en alianza coas entidades da sociedade civil especializada. A aposta polas convocatorias públicas garantirá a publicidade, a concorrencia competitiva e a transparencia na xestión das axudas.

4. ACCIÓNS COORDINADAS DE EDUCACIÓN PARA A CIDADANÍA GLOBAL
Poñer en marcha programas e iniciativas integrais de sensibilización e educación para o desenvolvemento e a cidadanía global nas nosas cidades e vilas para fomentar unha cidadanía crítica, participativa e comprometida coa construción dun mundo onde a equidade e a igualdade de oportunidades estean asegura das, onde prevaleza a cultura da paz e as relacións estean baseadas na ética dos coidados e no principio de non discriminación, solidariedade e cooperación. As iniciativas permitirán dar a coñecer as problemáticas globais que afectan ao mundo e conectalas coas realidades locais que acontecen nas cidades e vilas de Galicia e coa cidadanía que participa en iniciativas de cooperación no Sur global.

5. FONDOS EXTRAORDINARIOS PARA AXUDAS DE ACCIÓN HUMANITARIA
Facilitar a dotación de fondos extraordinarios para actuacións de axuda de emerxencia e acción humanitaria coas que facer fronte a catástrofes e desastres que acontezan nos países empobrecidos cos que se traballa dende Galicia, con especial foco na prevención, resiliencia e a redución de riscos, e dotando a esta axuda de mecanismos áxiles e flexibles para a asignación dos mesmos.

6. PARTICIPACIÓN ACTIVA DA SOCIEDADE CIVIL
Fortalecer á sociedade civil e promover unha implicación plural da mesma na construción da política pública de cooperación ao desenvolvemento. Neste contexto, impulsarase a constitución de Consellos Municipais de Solidariedade e Cooperación como espazos dende os que deseñar e poñer en marcha, de forma participada, esta política social.

7. ORIENTACIÓN ESTRATÉXICA
Elaborar plans ou estratexias de cooperación ao desenvolvemento. Para garantir unha política local de cooperación de calidade, con impacto e eficaz, é necesario contar con marcos estratéxicos que guíen a súa actividade a longo prazo. As estratexias elaboradas de forma participada conseguirán fortalecer e aproveitar ao máximo as capacidades dos distintos actores involucrados nesta política pública (administración, ONGD, universidades, etc.).

8. ALIANZAS E REDES
Participar activamente en alianzas e redes de cooperación para o intercambio de aprendizaxes, experiencias e coordinación (no marco da FEGAMP, do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, etc). Neste eido as cidades e deputacións que aínda non o estean deberán asociarse ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

9. COMUNICACIÓN COA CIDADANÍA E RENDICIÓN DE CONTAS
Ser transparentes , render contas e comunicar á cidadanía os logros acadados na loita contra a pobreza, as desigualdades e na defensa dos dereitos humanos e a sostibilidade a nivel mundial.