Formación en avaliación de accións de Educación para a Cidadanía Global

A Coordinadora Galega de ONGD organiza unha formación sobre avaliación de accións de Educación para a Cidadanía Global (ECG) dirixida, especialmente, ao persoal técnico das ONGD galegas. Unha das cuestións detectadas no seo da Comisión de ECG da Coordinadora foi a necesidade de ampliar os coñecementos sobre avaliación de proxectos que as ONGD levan a cabo así coma do seu impacto nos procesos de transformación social.

A formación combinará teoría e práctica e será facilitada por Pedro Surja, consultor con ampla experiencia. Na aula traballarase con exemplos reais e contextualizados en Galicia e propoñerase unha metodoloxía específica baseada no modelo de “avaliación segmentada” (tendo en conta a importancia de compatibilizar este enfoque co Marco Lóxico, maioritariamente esixido polos financiadores do Estado español).

A sesión e metodoloxía proposta dirixirase a accións de educación reglada, non reglada e informal, tratando de ofrecer pautas, indicadores e ferramentas para os 3 niveis.

Neste enlace>>> atoparedes o programa.

As prazas son limitadas e terán preferencia as persoas vinculadas ás ONGD socias da Coordinadora. Participar na formación require contar con experiencia previa na formulación, seguimento, execución e avaliación de proxectos de ECG.

Neste outro enlace>>> podedes inscribirvos ata o 6 de setembro.