A acción humanitaria en 2018 e 2019

O informe anual sobre axuda humanitaria española e internacional do Instituto de Estudios sobre Conflictos y Acción Humanitaria e Médicos Sen Fronteiras destaca que a axuda humanitaria internacional en 2018 alcanzou os 28.900 millóns de dólares, o que soamente supuxo un incremento respecto 2017 do 1%. Unha cifra que está moi por baixo da media de crecemento dos catro anos anteriores, situada en torno ao 7,5%.

Este estancamento na axuda non debería corresponderse cun período (2018- 2019) onde as dúas emerxencias nivel tres (segundo a ONU) en Siria e Iemen, engadíronse a emerxencia provocada polo ciclón Idai en Mozambique e a crise provocada polo agravamento da epidemia do ébola na República Democrática do Congo.

Esta situación agrávase ao contemplar outras crises crónicas como as de República Centroafricana, Etiopía, Bangladesh, Myanmar, Nixeria e Somalia. Ademais, outras situacións de crise política, económica e social como as que sofren o Triángulo Norte centroamericano ou Venezuela cada vez teñen máis implicacións humanitarias.

O informe A acción humanitaria en 2018-2019: sen cambios en tempos de incerteza revela tamén que a axuda humanitaria proveniente da UE tampouco estivo á altura. A pesar de incrementarse gradualmente durante os últimos 5 anos, o seu ritmo de crecemento foise reducindo, pasando dun aumento do 10% en 2015 a un do 3% en 2018.

A Axuda ao Desenvolvemento do Estado español segue caendo

O contexto de inestabilidade política que vive o Estado español desde 2017 fixo que tras tres anos consecutivos de incremento da Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD), en 2018 se producise unha caída do 15,7%. Ademais, o peso da AOD respecto ao total do PIB do país diminuíu un 4% respecto a 2017, situándoa nun paupérrimo 0,18%, cifra cada día máis afastada do comprometido 0,7%.

Á súa vez, o importe total da acción humanitaria española pública situouse en 50,76 millóns de euros, supoñendo unha diminución do 7,6% respecto 2017. Desde 2009, cando o orzamento anual chegou a superar os 465 millóns de euros, produciuse un recorte superior ao 90%.

O número de persoas desprazadas marca un novo récord

O descenso da axuda humanitaria conxúgase cun incremento na complexidade das crises. A nova cifra récord de poboación desprazada e refuxiada (70,8 millóns de persoas) é un bo exemplo diso.

En 2018 constatouse tamén que os países con menos recursos acollen cada vez a un maior número e a unha maior proporción de poboación desprazada. Así, un 39% do total da poboación desprazada foi acollido en países de renda baixa e un 54% en países de renda media. Tan só un 7% foron en países de renda alta.

Mentres tanto, vai cobrando aínda máis forza o discurso ultranacionalista de perfil cada vez máis abertamente xenófobo.

Un discurso que sitúa ás persoas migrantes coma unha ameaza esquecendo interesadamente que nove de cada dez migrantes african@s e oito de cada dez asiátic@s quedan no seu propio continente.

Neste enlace>>> podedes ler o informe completo.