Convocatoria de axudas para proxectos de cooperación ao desenvolvemento

Convoca Fondo Galego de Cooperación Fin de prazo 31/01/2023 Ler convocatoria

O Fondo Galego de Cooperación abre a convocatoria de axudas para proxectos de cooperación ao desenvolvemento 2022/2023

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade puxo en marcha por primeira vez a convocatoria de proxectos de cooperación ao desenvolvemento para ONGD no ano 1998. Desde entón, esta liña de subvencións vénse lanzando de xeito máis ou menos regular en función da dispoñibilidade orzamentaria. Desde o ano 1998 ata o 2014, o Fondo Galego impulsou unha convocatoria anual para proxectos de ONGD, a excepción do ano 2008. A partir do ano 2015 a convocatoria lánzase con periodicidade bianual ou trianual, en función da capacidade orzamentaria.

As características da convocatoria son as seguintes:

  • O orzamento destinado á convocatoria será dun máximo de 100.000€.
  • O importe máximo da achega por proxecto será de 25.000€.
  • A axuda é compatible con calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade,
    procedente de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
  • A convocatoria abrirase do 15 de decembro de 2022 ao 31 de xaneiro de 2023, ambos
    inclusive.
  • Poderán ser beneficiarias as ONGD contempladas no artigo 99 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, que cumpran as seguintes condicións:
    • Estaren legalmente constituídas e inscritas na Sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento da Xunta de Galicia conforme ao artigo 4.1 do Decreto 29/2017, de 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento.
    • Teren sede social ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.
    • Cumprir cos requisitos para obter a condición de beneficiaria contidos no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
    • Dispoñer da estrutura e capacidade suficiente para garantir a execución dos proxectos propostos.
  • Os proxectos deben cumprir os seguintes requisitos:

    • O prazo seu prazo de execución deberá ser como máximo de 12 meses, sendo obrigatorio que a data de inicio sexa no ano 2023. Poderán presentarse aqueles proxectos que dean inicio a partir do 1 de xaneiro de 2023 (incluído). Os proxectos presentados con data de inicio anterior ao 1 de xaneiro de 2023 serán desestimados.
    • Estes deben identificar os parceiros locais, que teñen que participar responsablemente na execución do proxecto e na xestión dos recursos, facendo constar expresamente a súa participación e o seu compromiso co proxecto. Non terán a consideración de parceiros locais as delegacións de entidades españolas iguais ou distintas da entidade solicitante, aínda que estean legalizadas
      no país de execución do proxecto.
    • As accións non poden ter como obxectivo a substitución do Estado na prestación de servizos públicos de saúde, a educación regulada ou a investigación oficial.
    • Os seus obxectivos deben estar centrados na procura dun desenvolvemento socioeconómico e culturalmente sostible, participativo, endóxeno e que procure a transformación social das realidades dos países empobrecidos, fomentando a equidade de xénero, o respecto medioambiental e contribuíndo de xeito efectivo á consecución dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.
    • Fomentar a participación da poboación beneficiaria no desenvolvemento do proxecto, sen ningún tipo de discriminación por razóns culturais, de raza, xénero, relixión e orientación sexual.
    • Estar aliñados cos obxectivos de desenvolvemento do país nas que se leve a cabo.
    • Axustarse á capacidade de xestión tanto da entidade solicitante como do parceiro local.
    • Quedan excluídas desta convocatoria as accións de axuda humanitaria.
    • Vincularse directamente coas prioridades transversais da Cooperación Galega: a
      erradicación da pobreza multidimensional, a igualdade de xénero, a defensa da
      sustentabilidade ambiental e a loita contra o cambio climático, o enfoque baseado en dereitos humanos, o respecto polas diversidades e a promoción da interculturalidade, a equidade e loita contra as desigualdades, a participación cidadá e o fortalecemento institucional e da
      sociedade civil.
    • Deberán enmarcarse nalgún dos seguintes sectores de actuación:
      a) Cobertura aos seguintes dereitos fundamentais: nutrición, educación, vivenda, acceso á auga e saneamento, facendo especial fincapé nos colectivos de maior
      vulnerabilidade.
      b) Fortalecemento institucional e mellora da gobernanza de municipios en materia de
      igualdade de xénero, medio ambiente e prevención fronte desastres naturais,
      planificación territorial, xestión urbanística e servizos esenciais, ciclo da auga, ciclo de
      residuos, servizos sociais e transporte público urbano.
      c) Fortalecemento a entidades da sociedade civil. As organizacións da sociedade civil son un substrato imprescindible para unha vida democrática dinámica e plural e polo tanto cómpre apoiar e promover a diversidade de roles que estas teñen.
      d) Impulso da igualdade de xénero e o apoderamento de mulleres e nenas, na procura do exercicio pleno dos seus dereitos. Inclúense accións encamiñadas a fomentar a participación das mulleres na política municipal.
      e) Protección do ambiente e loita contra o cambio climático, promovendo medidas que reduzan o impacto do cambio climático na vida das persoas, a conservación e
      recuperación da biodiversidade e o impulso do emprego de enerxías renovables.
    • Deberán estar enmarcados nalgún dos seguintes países de execución:
      – Países que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade identifica como prioritarios: Mozambique, Guinea Bissau, Cabo Verde e Cuba.
      – Outros países sinalados como prioritarios segundo o IV Plan Director da Cooperación Galega: Guatemala, Honduras, Nicaragua, El Salvador, Bolivia, Ecuador, Perú e República Dominicana.
      – Países Menos Adiantados (PMA) e países con IDH baixo.
    • A cantidade máxima solicitada para financiamento será de 25.000€.
    • O orzamento debe adecuarse ao establecido nos capítulos sétimo e oitavo da presente convocatoria, relativos aos gastos do proxecto.

As propostas deberán recibirse electronicamente no enderezo info@fondogalego.gal entre o
15 de decembro de 2022 e 31 de xaneiro de 2023. As propostas recibidas recibirán un email
de confirmación. Este mesmo enderezo estará dispoñible para calquera consulta ou
aclaración, así como o teléfono 698 144 536.

Consulta a convocatoria completa aquí e tódolos documentos vinculados aquí.