O DOG do 1 de xullo ven de publicar a convocatoria de seis bolsas de formación para persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.

O obxectivo destas bolsas é a formación de persoal especializado en materia de cooperación para o desenvolvemento e os destinos para a formación serán os seguintes: dúas bolsas na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, onde as persoas bolseiras formaranse na xestión e xustificación dos expedientes de subvencións e catro bolsas en distintas Oficinas Técnicas de Cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) de Latinoamérica ou África, nas que as persoas bolseiras poderán coñecer no terreo o funcionamento das oficinas da cooperación española.

Os requisitos para poder optar a estas bolsas son, entre outros, estar en posesión dun título universitario do ano 2012 ou posterior e non ter sido con anterioridade persoa beneficiaria dunha bolsa de formación no eido da cooperación internacional.

Como consecuencia da Covid-19 se introduciron unha serie de novidades respecto das convocatorias dos anos anteriores como que as estadías poderán ser ademais de na Dirección Xeral e Oficinas Técnicas de Cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional, nas oficinas das axencias da Organización das Nacións Unidas e tamén que o inicio da estadía será non antes do mes de outubro do 2021 e alcanzará ate o mes de setembro de 2022 (mentres que nos últimos anos se iniciaban o 1 de setembro e remataba o 31 de agosto).

Neste enlace>>> atoparedes toda a información. O prazo para presentar as candidaturas remata o 1 de agosto.