Libros para sementar o cambio

A colección ‘Defensoras de dereitos’ estréase con tres títulos que narran as vidas e o compromiso coa xustiza de tres activistas de Honduras, México e Guatemala

 

 

Defender os dereitos humanos como proxecto vital e político nunha das rexións máis perigosas do mundo para levalo a cabo. Este é o nexo en común das tres protagonistas da colección Defensoras de Dereitos.

Os libros, impulsados pola Coordinadora Galega de ONGD e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO)  en colaboración coa Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos (IM-Defensoras) e o apoio da Deputación de Pontevedra, narran as vidas e o compromiso coa xustiza de Miriam Suazo, Estela Ángeles Mondragón e María Cuc Choc. Tres activistas de Honduras, México e Guatemala que forman parte das máis de 2.000 mulleres defensoras organizadas en Mesoamérica. As tres formaron parte da iniciativa Defensoras de Dereitos do ano 2020.

A autora dos libros é a xornalista e escritora Lara Dopazo Ruibal quen, ademais de ter publicadas catro obras poéticas, unha obra narrativa e un ensaio colectivo experimental, está especializada en Filosofía Pŕactica e Cooperación Internacional e é voluntaria de AGARESO.

As persoas e centros educativos interesados en ter exemplares en papel poden contactar connosco ao correo info@galiciasolidaria.org


Miriam Suazo e a digna rabia

portada miriam suazo e a digna rabia

Ler Miriam Suazo e a digna rabia

Miriam Suazo (Honduras) conta cuha traxectoria de 20 anos traballando polos dereitos humanos. Actualmente, faino desde o Centro de Estudios de la Mujer e a Red Nacional de Defensoras de Derechos Humanos de Honduras, coordinando xunto a outras organizacións e os movementos sociais o fondo de emerxencia para a protección das persoas defensoras expostas a riscos inminentes debido ao seu labor.


Estela Mondragon e o camiño a Baqueachi

 

Ler Estela Ángeles Mondragón e o camiño a Baqueachi

Estela Ángeles Mondragón (México) é defensora dos dereitos territoriais. Desde hai máis de dúas décadas acompaña ao pobo rarámuri, unha comunidade indíxena do norte de México, na
recuperación de 44.000 hectáreas de terra e o recoñecemento dos seus dereitos.


Maria Cuc Choc o corazon en alto

Ler María Cuc Choc o corazón en alto

María Magdalena Cuc Choc (Guatemala) apoia ás mulleres supervivientes de violencia de xénero e tamén ás comunidades que sofren desaloxos violentos como consecuencia da usurpación de terras das empresas extractivistas e de monocultivo.


A colección presentouse o 16 de decembro no Museo de Pontevedrae foi transmitida por streaming. Participou a autora, Lara Dopazo, e representantes da Coordinadora Galega de ONGD, AGARESO, IM-Defensoras e a Deputación de Pontevedra.

Aquí o vídeo: