Visita de “Mujeres creando” a Galicia

Lugar A Coruña, Lugo e Santiago de Compostela Organiza Solidariedade Internacional de Galicia Data inicio: 23/11/2022Data fin: 26/11/2022

O colectivo feminista “Mujeres creando” visita Galicia

Gran parte dos esforzos de Solidariedade Internacional de Galicia (SIG), como organización
feminista, empréganse en xerar cambios positivos nas vidas das mulleres, a través, por unha
banda, de incorporar o enfoque feminista en cada unha das nosas accións e, por outra, no
apoio directo a organizacións feministas do Sur Global, como Mujeres Creando (Bolivia).

Neste senso, cada ano reciben en Galicia a visita de representantes das súas socias
locais en terreo coa intención de compartir experiencias e metodoloxías de traballo, así como
na procura de espazos nos que comunicar a sociedade galega a labor que se realiza
dende as entidades de Cooperación Internacional da man, sempre, de entidades locais nos
países con presenza.

Dende o ano 2020 SIG traballa da man do movemento feminista Mujeres Creando de Bolivia, referente en toda Latinoamérica pola súa loita contra as violencias que enfrontan as mulleres no país andino.

Mujeres Creando leva máis de 25 anos defendendo os dereitos das mulleres bolivianas e denunciando as vulneracións que sofren. Propoñen unha política de acción concreta que
dea resposta aos problemas das mulleres e que transforme a realidade machista na que se
atopan. Utilizan a arte como instrumento de loita, sendo os seus grafitis unha das súas
accións máis recoñecidas na sociedade boliviana, e unha radio propia (Radio Deseo) como
medio imprescindible para falar das súas loitas e das violencias cara ás mulleres.

Dada a relevancia e o impacto social que o traballo de Mujeres Creando está a ter na vida
das mulleres en Bolivia considérase fundamental coñecer as súas prácticas e metodoloxías
nunha aposta por contribuír a aprendizaxes mutuos e á visibilización de realidades.

Neste senso, nos vindeiro días Galicia recibe a visita de tres representantes deste colectivo
para o que se preparou unha axenda que inclúe: reunións con representantes
públicos, encontros con entidades galegas afíns e espazos abertos ao público nos que
coñecer o traballo de Mujeres Creando. En concreto, visitarannos:

Raiza Zeballos

Psicóloga responsable do programa Mujeres en Busca de Justicia, desde onde atenden e acompañan a mulleres que sofren violencias machistas ata que alcanzan xustiza e que se
converteu nunha referencia contra a impunidade. Traballan desde unha metodoloxía propia que trata
entender as loitas como unha capacidade de ofrecer unha solución e non como a capacidade de
construír unha demanda. Propoñen solucións, portas de saída, métodos e formas de tratar e
entender as violencias a partir das mulleres.

Mayra Rojas

Avogada feminista recoñecida polo seu traballo contra a usura bancaria. Brinda
asesoramento a mulleres en temas de dereitos laborais, económicos e financeiros, entendendo
que as violencias que sofren as mulleres tamén se dan nestes ámbitos. Ademais, ten un programa en Radio Deseo, en castelán e aymara, onde semanalmente falan de temas básicos laborais e
económicos para que todas as mulleres podan coñecer os seus dereitos.

Emiliana Quispe

Primeira chola graduada como chef pola Escuela Hotelera de La Paz. Jefa de cociña do restaurante de Mujeres Creando que se atopa na Virgen de los Deseos, o centro de operacións de Mujeres Creando e que alberga outras iniciativas de autoxestión como fotocopiadora ou librería. O comedor tense convertido nun referente gastronómico na cidade e a súa visita é recomendada por prestixiosas revistas coma a Lonely Planet.

As tres representan unha visión ampla, plural e diversa deste importante movemento feminista no contexto latinoamericano.

Durante a súa estancia por Galicia, celebraranse tres actos abertos ao público en Santiago de Compostela (mércoles 23 na Librería Lila de Lilith ás 19.30h), A Coruña (venres 25 na Normal ás 17.30h) e en Lugo (sábado 26 no Vello Cárcere ás 18.00h).

 

 

 

 

 

 

 

 

Aquí podedes ver unha entrevista sobre á sua visita ás tr es desde Radio Deseo.