IV Ciclo de cine “Os ollos abertos”

Lugar Forum Metropolitano Organiza ONG AIRE Data inicio: 26/09/2022Data fin: 29/09/2022

A ONG A.I.R.E organiza o IV Ciclo de cine “Os ollos abertos”

“Os ollos abertos” é un ciclo de cine que, na súa cuarta edición, se celebrará na Coruña do 26 ao 29 de setembro. Durante eses días proxectaranse catro películas que afrontan os problemas relacionados coas migracións dende unha perspectiva positiva e esperanzadora. Ao finalizar cada pase haberá un pequeno coloquio no que se profundizará sobre a temática proposta pola película. Escolléronse catro títulos que abarcan diversas formas de abordar as migracións dende óptimas construtivas, solidarias e optimistas (dentro do posible) para incidir en dinámicas que poidan aportar elementos positivos á hora de encarar o futuro. Os argumentos das películas tocan de xeito contundente unha serie de temas que nos darán pe para falar das seguintes temáticas:
  • A forza de cambio que supoñen as novas xeracións de persoas migrantes, afeitas xa a vivir coas problemáticas asociadas a formar parte dun colectivo vulnerable, como se verá en ‘Girlhood’.
  • A perspectiva das persoas migrantes a partir dun relato en primeira persoa desde os seus propios países de orixe, poñendo sobre a mesa as razóns que lles levan a xogarse a vida e abandonar a súa familia, o seu territorio e a súa vida por un destino incerto en occidente, como veremos en ‘Eu, un negro’.
  • A importancia da colectividade e de buscar apoio legal, de organizacións non gubernamentais e o asociacionismo como unha resposta aos problemas das persoas migrantes en situación laboral precaria, como se verá en ‘Pan e rosas’.
  • Os problemas de convivencia que sofren as persoas migrantes por causa dos prexuízos, o medo, a xenofobia ou, simplemente, a incultura, e como poden ser combatidos a través da empatía e o amor, como mostra de forma clara a película “Todos chamámonos Alí”.

 

*Entrada gratuíta ata completar aforo.

Consulta máis información sobre o evento