Concurso ‘Muros que unen’

Organiza Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade Data inicio: 03/09/2018Data fin: 30/09/2018

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza o I Concurso de murais arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible Muros que unen. A loita contra a pobreza e a prol da equidade de xénero serán os temas centrais das obras, que calquera persoa ou colectivo podepresentar previa inscrición ata o 30 de setembro.

Muros que unen’ busca dar a coñecer, a través da arte urbana, as 17 metas globais fixadas polos Estados membros da ONU a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas no horizonte de 2030. Co fin de fomentar ademais o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas, a primeira edición de ‘Muros que unen’ centrarase en dous deses 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que os municipios deben contribuír a acadar. Trátase do ODS1: Pórlle fin a pobreza en todas as súas formas en todo o mundo, e o ODS5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas.

Outorgarase un premio de 2.000 euros por cada un dos ODS. Ademais, as dúas persoas gañadoras representarán o seu mural nun espazo da cidade ofertado pola organización, que tamén facilitará os materiais necesarios. A técnica será libre, e ao concurso poden presentarse ata dúas propostas, seguindo o procedemento establecido nas bases, que poden consultarse neste enlace>>>

As obras deben ser inéditas, de xeito que non fosen recreadas nunha parede con anterioridade nin premiadas noutros concursos.