Charla “Situación dos dereitos humanos en Nicaragua dende unha perspectiva feminista”

Lugar Compostela Organiza ONGD galegas vinculadas con Nicaragua Data: 12/12/2018

ONGD galegas que traballan en Nicaragua (Solidariedade Galega, Solidaridad Internacional Galicia e Sólida) e persoas nicaraguanas autoconvocadas que viven en Galicia organizan o 12 de decembro, na Libraría Lila de Lilith de Compostela, unha charla sobre a situación dos Dereitos Humanos en Nicaragua dende unha perspectiva feminista. Será ás 19 horas. Na charla, participarán activistas do país centroamericano  que estarán os próximos días en Galicia e que se viron obrigadas a marchar do país como consecuencia da represión que sufriron por parte do goberno do Ortega.

Dende a Coordinadora Galega de ONGD estamos a colaborar co traballo da incidencia que as compañeiras de Nicaragua están a facer en Galicia para denunciar a situación de vulneración dos Dereitos Humanos no país. Acompañamos o proceso a partir do cal o 19 de xullo o Pleno do Concello de Santiago condenou a violencia en Nicaragua; e o 10 de decembro, o Pleno do Concello da Coruña aprobou unha moción de condena á represión exercida polo goberno do país contra a poboación civil.