8M: por un mundo no que a innovación e a tecnoloxía garantan a igualdade de xénero

No Día internacional das mulleres, unímonos a millóns de compañeiras que esixen en todo o mundo vidas en liberdade, igualdade e xustiza plenas.

Fonte: IPPDH

Baixo o lema “Por un mundo dixital inclusivo: innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero”, o Día Internacional das Mulleres de 2023 fai incidencia en cuestións que hoxe en día son esenciais para garantir a igualdade de xénero. As tecnoloxías ofrecen numerosos recursos, pero tamén evidencian unha crecente fenda de xénero: o diferente acceso de mulleres e homes aos recursos dixitais e á toma de decisións respecto a que tipo de tecnoloxía desenvolver e con que fins, desemboca nun aumento das desigualdades sociais e económicas.

Por outra banda, as mulleres sofren altos niveis de violencia dixital; o ciberacoso e o asedio sexual forman parte deste tipo de violencias. A elas, súmase a captación de mulleres para redes de trata, especialmente aquelas que proveñen de contextos máis vulnerables. Esta situación provoca, ademais, que moitas mulleres se desconecten e, polo tanto, se perpetúe e mesmo se amplíe a desigualdade entre xéneros.

Esta desigualdade agrávase cando se suman múltiples discriminacións como a situación socioeconómica, o nivel de educación, a etnia, a idade, a orientación sexual (poboación LGTBIQ+) ou algunha discapacidade. Mentres que nos países máis ricos o 87% da poboación utiliza internet, máis de 380 millóns de mulleres e nenas viven en situación de extrema pobreza sen acceso a recursos básicos como a electricidade. Os conflitos armados que hoxe en día están activos tamén impiden que accedan á educación ou a recursos tecnolóxicos.

A iso engádese que as tecnoloxías dixitais emerxentes seguen estando amplamente desreguladas e non existen obrigas suficientemente rigorosas para os prestadores de servizos. Resulta imperativo establecer unha regulamentación adecuada que garanta a protección dos datos persoais e a rendición de contas por aquelas expresións e contidos que vulneren os dereitos humanos ou inciten ao odio, a discriminación ou a violencia, incluída a violencia de xénero.

Tecnoloxías como aliadas

A pesar de tal contexto, é necesario destacar o importante papel que xogaron as tecnoloxías na defensa dos dereitos das mulleres en todo o mundo (detrás das tecnoloxías hai persoas, mulleres, homes e colectivos sociais que avogan por un uso que garanta os dereitos humanos). A participación de mulleres nas iniciativas sociais en liña supuxo a construción de propostas ao servizo do ben común desde enfoques feministas e antirracistas. Mulleres de Asia, Europa, África, América puxeron no centro a necesidade de soster a vida e coidar o planeta. O acceso aos recursos tecnolóxicos foi esencial en importantes vitorias feministas dos últimos anos: #MeToo en Estados Unidos, #Noesno e #Yositecreo en España, #AbortoLegalYa e #Niunamenos en Arxentina, #BringOurGirlsBack en Nixeria ou #Mahsaamini en Irán.

Estas e outras campañas en redes sociais deron visibilidade ás violencias que sufrimos as mulleres e crearon espazos nos que poder falar delas, aprender a identificalas e comprobar que non estamos soas nin son feitos illados. Tamén se crearon múltiples canles de denuncia de violencias e discriminación que frearon este tipo de prácticas. Moitas destas campañas contribuíron a xerar a presión social necesaria para alcanzar cambios lexislativos, como foron a legalización do aborto en Arxentina ou a Lei de Garantía Integral da Liberdade Sexual en España. Isto demostra que o feminismo é capaz de cambialo todo.

Doutra banda, aínda que existen ferramentas tecnolóxicas para denunciar casos de violencia ou discriminación de xénero que axudaron a moitas persoas para a súa protección, débese promocionar o seu coñecemento e utilización mediante campañas continuas, ademais de mellorar a facilidade de uso, o anonimato completo e a actuación inmediata en casos de violencia.

A cooperación debe facer a súa parte

Todos estes feitos evidencian a necesidade dunha cooperación internacional forte, que promova a igualdade de xénero en todos os seus ámbitos de actuación e que aborde de maneira holística o momento de crise e reacción antifeminista que enfrontamos. A nova Lei de Cooperación aprobada por esmagadora maioría no Congreso é unha boa oportunidade para iso: cualificada como feminista, debe demostrar agora que realmente o é máis aló do papel.

É esencial poñer a disposición recursos dixitais ao servizo da Axenda 2030; débese garantir unha perspectiva feminista na tecnoloxía, a innovación e a educación; debe protexerse a mulleres e nenas das ciberviolencias e promover o seu acceso a estes recursos e a empregos nos sectores tecnolóxicos, nos que sofren unha grave infrarrepresentación. É fundamental velar por que o financiamento de todas as políticas e programas dixitais nacionais e internacionais, as bolsas de investigación e a contratación pública integren sistematicamente a análise de xénero, os obxectivos e a recompilación de datos desagregados.

Un ano máis sumámonos a millóns de mulleres que en todo o mundo esixen liberdade, igualdade e xustiza. Animamos a participar nas mobilizacións que se desenvolverán en todo o territorio galego. O feminismo é capaz de cambialo todo.

Gabriela Colocho: “Muchas mujeres se reconocen como lideresas en sus territorios, pero no se identifican a si mismas como defensoras

Aura López: “Emprender iniciativas propias en medio de un conflicto armado es muy difícil”

“El enfoque feminista quiere acabar con el sexismo, la explotación sexista y la opresión”

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: