logo

PREGUNTAS FRECUENTES

>>> Que son as vacacións solidarias?

Vacacións Solidarias é unha nova forma de facer turismo solidario ofertada por moitas ONG de desenvolvemento. Trátase de viaxar durante un período curto de tempo a algún país do Sur (África/América Latina), para coñecer de primeira man un proxecto de cooperación e a comunidade beneficiaria deste proxecto.

Para as ONGD, as Vacacións Solidarias son unha ferramenta de sensibilización da sociedade civil sobre a situación dos países do Sur e as súas problemáticas, a través dunha experiencia vital que permite ás cidadás e cidadáns o contacto directo coa realidade destes pobos.

Neste tipo de vacacións, as datas de viaxe son fixas, e establécenas as propias ONGD en negociación coas súas contrapartes do Sur, para interromper o menos posible o traballo coas comunidades beneficiarias cando a viaxe teña lugar. Ademais, aos destinos ofertados non se viaxa individualmente, senón que se forman grupos de viaxe, coordinados e acompañados por persoal da propia organización.

A maioría de ONG que organizan vacacións solidarias ofrecen previamente ás persoas participantes unha formación especializada para mergullarse na realidade dos países empobrecidos e fomentar a convivencia no grupo antes de partir. Estas formacións permiten que o afondamento e comprensión das causas da desigualdade e a pobreza. Pero tamén son útiles para romper cos prexuízos e coñecer a realidade do país e os obxectivos das organizacións que se visitan, e desta forma evitar un impacto negativo sobre as comunidades coas que se convive.

Vacacións solidarias dende Galicia

CURSOS DE COOPERACIÓN SOBRE O TERREO - ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz

Asemblea de Cooperación Pola Paz organiza os Cursos de Cooperación Sobre o Terreo (CCsT). Unha viaxe que te levará a coñecer a cooperación ao desenvolvemento, a vida nos países nos que traballa a organización e os problemas que afrontan día a día os seus habitantes. O obxectivo é amosar ás persoas participantes todo o ciclo dun proxecto de cooperación ao desenvolvemento, desde a súa identificación e seguimento, ata a avaliación dos obxectivos e resultados deseñados, así coma o seu impacto social, político e económico nas comunidades beneficiarias.

As prazas convócanse desde o mes de marzo e os cursos realízanse nos meses de xullo, agosto e setembro.

Os prezos varían en función do curso a realizar e os destinos son os seguintes: O Salvador, Honduras, Marrocos, Tunisia, Senegal, Guinea Bissau, Mauritania, República Dominicana, Palestina e Guatemala.

Máis información
Tfno. 881.977.339
Enderezo electrónico: galicia@acpp.com

 

VANAKKAN - ONGD Implicadas/os no Desenvolvemento

O Vanakkan é un programa formativo sobre a cooperación ao desenvolvemento que contempla a posibilidade de viaxar ao proxecto de desenvolvemento urbano de Tiruchy que a Implicadas/os no Desenvolvemento apoia na India. O programa consta de dúas partes: un curso de formación sobre cooperación e ciclo de proxecto aquí en Galicia, e dúas semanas no terreo, coñecendo o traballo no proxecto de Tiruchy.

Máis información:
Tfno. 886.111.911
Mail. info@implicadas.org.

 

VACACIÓNS SOLIDARIAS - ONGD Solidariedade Internacional de Galicia

O programa Vacacións Solidarias, ofrece aos cidadáns e cidadás galegos/as a oportunidade de coñecer de primeira man un proxecto de desenvolvemento dos que Solidariedade Internacional de Galicia leva a cabo en terreo.

Máis información
Tfno. 981.243.506
Enderezo electrónico: cooperacion@solidaridadgalicia.org

 

XANELA ABERTA AO SUR - ONGD Amarante

Xanela Aberta ao Sur é un programa de formación e sensibilización co que se pretende achegar a realidade dos pobos do Sur á nosa sociedade, e formar persoas que participen activamente no campo da solidariedade e pola transformación do inxusto modelo de relacións Norte-Sur. Consta dunha serie de xornadas e seminarios de preparación previos á visita dun mes a un proxecto de desenvolvemento elaborado e dirixido por unha organización do Sur. Ademais, á volta, as persoas participantes deben comprometerse a facer difusión e sensibilización sobre a experiencia que viviron.

Máis información:
Tfno. 881.978.705
Enderezo electrónico: amarante@amaranteong.org.

 

>>> Que é o voluntariado internacional?

O Voluntariado Internacional, a diferencia das Vacacións Solidarias, implica que a persoa que viaxa a coñecer a realidade do Sur, vai ter a oportunidade de colaborar e participar co seu traballo no proxecto de cooperación que visite. Neste caso, o proceso de formación soe ser máis amplo, xa que para participar nun proxecto requírense coñecementos previos sobre o traballo en cooperación internacional. Nalgúns casos, tamén é preciso ter feito voluntariado na sede da ONGD no Norte, para garantir que a persoa que vai colaborar ao Sur coñece os procedementos e forma de traballar da organización.

Voluntariado Internacional dende Galicia

VOLUNTARIADO EN COOPERACIÓN AMBIENTAL - ONGD Amigos da Terra

No Sur, Amigos da Terra ten un programa de voluntariado para desenvolver coas comunidades, traballos en temas de fortalecemento institucional, enfoque de xénero, conservación dos recursos naturais, alimentación sustentable, pesca sostible, etc. Non existe unha data especifica de convocatoria, esta dependerá das necesidades en terreo. Os países de destino son: Nicaragua, Honduras e O Salvador; e as estadías mínimas, a partir de tres meses.

Máis información
Amigos da Terra
Tfno. 988 374 318
Enderezo electrónico: cooperacion@amigosdaterra.net.

 

CAMPOS DE TRABALLO - Coopera

Cada verán grupos de persoas voluntarias participan nos campos de traballo de COOPERA en Guatemala, Perú e Angola. A duración pode ser desde tres semanas a dous meses, dependendo da dispoñibilidade das persoas voluntarias. As actividades a desenvolver nestes campos son moi variadas: formación en diversos ámbitos, atención sanitaria, actividades de tempo libre con grupos marxinais, etc. Para participar, hai que pasar un período de selección, formación e preparación da viaxe, así como pagar os custos de desprazamento.

Máis información
Coopera
Tfno. 941 237 655
Enderezo electrónico: galicia@coopera.cc

 

ACHÉGATE AO SUR - Educación sen Fronteiras

ESF xestiona o programa “Achégate ao Sur”, un programa de un ou dous meses de duración, no que o traballo das persoas voluntarias se desenvolve cunha das contrapartes de ESF no Sur.

Máis información
Educación sen Fronteiras
Tfno. 986 442 835 • Móbil. 650 861 592
Enderezo electrónico: esfgalicia@educacionsinfronteras.org. ou  pac@educacionsinfronteras.org.

 

VOLPA - Entreculturas- Fé e Alegría

VOLPA é un programa de voluntariado internacional dirixido a persoas maiores de 21 anos. Este programa inclúe a formación das persoas voluntarias con encontros de formación en Madrid ao longo de nove meses, a súa participación en proxectos de países do Sur con Fe y Alegría e o Servizo Xesuíta a Refuxiados durante un ou dous anos e a súa acollida no lugar de orixe unha vez finalizado o programa. O programa VOLPA convócase todos os anos no mes de setembro.

Máis información
Entreculturas
Tfno. 981 581 409
Enderezo electrónico: santiago@entreculturas.org

 

PROGRAMA DE COÑECEMENTO DA REALIDADE - Enxeñería sen Fronteiras

Trátase dun programa englobado na liña de educación para o desenvolvemento de ESF Galicia que inclúe unha estancia nun país do Sur durante un período de tempo mínimo para coñecer a realidade do lugar, mentres se colabora nun programa de actividades definido previamente, cunha formación previa, e que continuará á volta da estadía. Entre 2007 e 2009, 15 persoas participaron ou participan no mesmo, con estancias duns dous meses de duración en Honduras, Nicaragua, El Salvador, Campamentos Saharauís e Ecuador. As prazas ofértanse unha vez ao ano nas universidades e páxinas web relacionadas co voluntariado.

Máis información
Enxeñería sen Fronteiras
Tfno. 981 167 000 - ext. 1479
Enderezo electrónico: info@galicia.isf.es

 

PROGRAMA SALONGO - Fundación Internacional de Solidariedade Compañía de María (FISC)

Programa de cooperación a longo prazo a través do que se facilita a posibilidade a calquera persoa, previa formación obrigatoria, de viaxar ao Sur a colaborar coa ONGD. A estancia mínima é dun ano e a ONGD presta á persoa voluntaria axuda para o custo da estadía.

Máis información
FISC
Tfno. 606 742 111
Enderezo electrónico: francisco.duran@usc.es

 

CURSO DE FORMACIÓN DE VOLUNTARIADO INTERNACIONAL “INTERDEPENDENCIA SOLIDARIA” - ONGD InteRed

Trátase dun programa de voluntariado internacional no Sur onde desenvolve proxectos de cooperación internacional. A matrícula soe abrirse no mes de setembro.

A duración das estadías pode ser dun mínimo dun mes e dun máximo de tres meses. Nas estadías as persoas voluntarias agrúpanse nas tarefas propias dos proxectos. Todos os gastos que xera a experiencia corren por conta da persoa voluntaria.

Más Información
InteRed
Tfno. 981 587 966
Enderezo electrónico: galicia@intered.org 

 

VOLUNTARIADO SUR - Jóvenes y Desarrollo

JYD leva a cabo un programa de voluntariado internacional, que a través dunha formación específica (ao longo de varios fins de semana de decembro a xuño), axuda a coñecer a realidade de proxectos de cooperación en América e África, e que remata cunha estancia curta no Sur que pode ir de un a dous meses, no verán.

Máis información
Jóvenes y Desarrollo
Tfno. 981 582 455
Enderezo electrónico: jtm.galicia@jovenestercermundo.org.

 

VOLUNTARIADO DE LONGA DURACIÓN - Paz e Desenvolvemento

PeD conta cun programa de voluntariado, para traballar durante un ano nalgún dos proxectos ou programas que está a desenvolver nos países en vías de desenvolvemento.

Máis información
Paz e Desenvolvemento
Tfno./Fax: 981 556 523
Enderezo electrónico: galicia@pazydesarrollo.org.

 

EQUIPOS MISIONEIROS CLARETIÁNS - Fundación PROCLADE

Na Fundación PROCLADE fórmanse e envíanse persoas voluntarias, como cooperantes de verán a países latinoamericanos. Concretamente colaboran, durante os meses de xullo e agosto, cos Equipos Misioneiros Claretiáns dalgunhas zonas de Honduras, Paraguai, Perú e Bolivia nas tarefas que se lle encomenden; tarefas de promoción social, educativas, asistenciais, pastorais, etc. O curso de formación consta de tres encontros de fin de semana ao longo dun ano no que se prepara a experiencia.

Máis información
PROCLADE
Tfno. 986 410 715
Enderezo electrónico: galicia@fundacionproclade.org ou tombilla@hotmail.com.

 

CAMPOS DE TRABALLO - Solidariedade, Educación e Desenvolvemento (SED)

No Sur, organiza campos de traballo, estadías dunha duración de 45 días. Os destinos actuais que se ofertan desde Compostela son Honduras, Zambia e Mozambique.

Os principais sectores de traballo a desenvolver polas persoas voluntarias son: educación para o desenvolvemento rural, atención sanitaria, desenvolvemento comunitario e empoderamento da muller. As persoas voluntarias faranse cargo do custo da viaxe ata o lugar do campo de traballo. Para asistir aos campos de traballo é necesario asistir ás sesións de formación e ter feito voluntariado previamente en España coa organización.

Máis información
SED
Tfno. 981 537 190
Enderezo electrónico: sedgalicia@maristascompostela.org ou sedgalicia@sed-ongd.org.

 

>>> Onde podo facer voluntariado en Galicia?

Todas as ONGD galegas integradas na Coordinadora Galega xestionan programas de voluntariado. Polo tanto, para ser voluntaria/o en Galicia só tés que elixir a ONGD que máis che interese, segundo o tema no que queiras parcipar como voluntaria/o, -voluntariado ambiental, voluntariado con inmigración, voluntariado de integración social, voluntariado educativo...-, e contactar con ela para ofrecerlle o teu tempo e esforzo.

Consulta a Guía de ONGD da Coordinadora Galega de ONGD para obter información sobre cada unha das entidades galegas de cooperación.

 

>>> Cal é a diferencia entre unha persoa voluntaria e unha cooperante?

As e os cooperantes son profesionais con formación universitaria cualificada que participan na xestión, execución ou avaliación sobre o terreo, dun determinado proxecto ou programa de cooperación internacional para o desenvolvemento ou de acción humanitaria en calquera das súas fases, e durante períodos máis ou menos longos de tempo. Esta persoa debe ter relación xurídica cunha  entidade promotora da cooperación para o desenvolvemento ou a acción humanitaria, e é esta organización á que pertencen quen delimita o seu marco de actuación, sinala os obxectivos, fixa as propostas, aproba os proxectos e determina os criterios cos que se executan.

Unha persoa voluntaria é aquela que desenvolve unha actividade nunha área de interese xeral de maneira altruísta, desinteresada e solidaria, con carácter voluntario e libre, sen estar motivada por unha obriga persoal ou deber xurídico, sen contraprestación económica, e por medio de entidades sen ánimo de lucro.

 

>>> Cales son as diferencias entre unha ONGD, unha federación e unha asociación?

Unha Organización Non Gobernamental (máis coñecida polas siglas ONG) é unha entidade de carácter privado, con fins e obxectivos definidos polas persoas integrantes, creada independentemente dos gobernos locais, rexionais e nacionais, así como tamén dos organismos internacionais. Estas organizacións poden estar constituídas legalmente como asociación ou como fundación.

As Asociacións son agrupacións de persoas constituídas para realizar unha actividade colectiva de forma estable, organizadas democraticamente, sen ánimo de lucro e independentes, ao menos de formalmente, do Estado, os partidos políticos e as empresas.

Non ter ánimo de lucro significa que non se poden repartir os beneficios ou excedentes económicos anuais entre os/as socios/as, por tanto, si se pode: ter excedentes económicos ao rematar o ano, ter contratados/as laborais na asociación, e realizar actividades económicas que poidan xerar excedentes económicos. Loxicamente, ditos excedentes deberán reinvestirse no cumprimento dos fins da entidade.

Unha Fundación é un tipo de persoa xurídica sen ánimo ou fins de lucro, e está dotada cun patrimonio propio outorgado polas persoas fundadoras. A fundación debe perseguir os fins que se contemplaron no seu obxecto social, se ben debe tamén coidar do seu patrimonio como medio para a consecución dos fins. Por elo, se ben a finalidade da fundación debe ser sen ánimo de lucro, elo non impide que esta se dedique ao comercio e a actividades lucrativas que enriquezan o seu patrimonio para un mellor cumprimento do seu fin último. Así pois, as características fundamentais serían: necesidade dun patrimonio, seguir fins de interese xeral, non estar formadas por socios/as, carecer de ánimo de lucro, e rexerse pola Lei de Fundacións cando son de competencia estatal, isto é, cando actúan en máis dunha Comunidade Autónoma ou esta carece de lexislación específica. En caso contrario rexerase pola lexislación específica Autonómica.

>>> Que é a Educación para o Desenvolvemento? E a sensibilización?

A ED constitúe o proceso educativo (formal, non formal e informal) permanente, encamiñado a promover unha cidadanía global crítica, politicamente activa e socialmente comprometida cunha cultura da solidariedade, coa loita contra a pobreza e a exclusión no Norte e no Sur, e coa promoción dun desenvolvemento humano e sostible. Un proceso que facilite á cidadanía ferramentas para a participación e a transformación social en clave de xustiza.

A ED é promotora dun proceso educativo baseado no respecto mutuo das diferentes expresións individuais e culturais; e creadora de espazos de comunicación entre culturas e identidades. Así mesmo, constitúe en si mesma unha metodoloxía participativa e liberadora, creativa e constructiva de novos cidadáns globais.

Polo tanto, a ED enténdese como enfoque que supera a visión estreita que a concibe como instrumento da cooperación ao desenvolvemento, e convértese en orientación transversal para o conxunto das políticas de cooperación.

Este concepto de ED, comprende catro dimensións non excluíntes e interrelacionadas:

Sensibilización: accións a curto prazo e puntuais que alertan sobre as causas da pobreza e as estruturas que a perpetúan e que constitúen o primeiro paso para a concienciación da sociedade civil espertando conciencias críticas e prácticas solidarias.

Educación-formación sobre o Desenvolvemento: proceso educativo que permite afondar na análise das causas da pobreza e nas propostas de cambio e que impulsa o compromiso e participación da cidadanía.

Investigación para o desenvolvemento: análise en profundidade, -con metodoloxía da investigación social-, da problemática do desenvolvemento que fundamenta as accións das organizacións en todos os seus ámbitos de traballo.

Incidencia política/ Mobilización social: influencia nas decisións que afectan as estruturas sociais, económicas e políticas en esferas locais/globais, adoptadas por diferentes axentes con poder de decisión. Mobilización social é a expresión máis notoria da participación activa da cidadanía, que posibilita o seu protagonismo directo na loita contra a pobreza e a promoción dun desenvolvemento humano sostible.

 

>>> Que é o comercio xusto?

É a denominación máis usual para designar ao movemento internacional que promove un sistema alternativo máis xusto de relacións comerciais e produtivas entre o Norte e o Sur do planeta. Este movemento tamén é coñecido polos nomes de Comercio Equitativo, Comercio Solidario ou Comercio Alternativo.

Un produto de Comercio Xusto é aquel elaborado por grupos desfavorecidos de países en vías de desenvolvemento e que chega ás tendas dos países ricos asegurando un prezo xusto para as/os produtoras/es, que lles permita vivir de forma digna.

Un produto de comercio xusto está elaborado baixo os seguintes criterios básicos:

  • En condicións de traballo dignas e con salarios xustos para as persoas produtoras.

  • En ausencia de explotación infantil.

  • En Igualdade de oportunidades e de trato para homes e mulleres.

  • Respectando os Dereitos Humanos.

  • Respectando as culturas indíxenas.

  • Baixo un funcionamento democrático das organizacións que interveñen.

  • Baixo relacións comerciais a longo prazo que supoñen o pagamento dunha parte do prezo por adiantado.

  • De forma que as/os produtoras/es destinen parte dos seus beneficios ao desenvolvemento das súas comunidades.

  • De forma que se reduza a cadea de intermediarios.

  • En condicións de respecto polo entorno.

  • De xeito que fomente o  mercado local e a diversificación da produción co fin de reducir a dependencia do comercio internacional e dun só produto.

>>> Que é o consumo responsable?

O Consumo Responsable é unha ferramenta de empoderamento para a cidadanía, que pasa a converterse en consumidora influínte e que pode cambiar a estrutura e a realidade económica. É unha ferramenta, en última instancia, de acción política para loitar polo cambio das estruturas de poder e comercio inxusto e insostible que perpetúan a pobreza e a degradación medioambiental.

A xeito de regra básica, para ser unha/un consumidora ou consumidor responsable podes empezar, antes de mercar, por facer un exercicio de reflexión sobre as 5R: reflexiona, rexeita, reduce, reutiliza e recicla.

Isto é, unha consumidora ou consumidor responsable, é unha persoa que consome informada e conscientemente. Que é responsables dos seus actos de consumo, está informada sobre a procedencia e circunstancias de produción do que merca e é consciente de que a máis pequena das súas accións de consumo repercute no futuro de millóns de persoas e no das xeracións que veñen detrás.

The dialbest replica watches swiss replica watches Hermes Replica Handbags of high quality Audemars Piguet City Of Sails Replica Watch differs It offers mind to produce - Pool, Chinese ceramics, as well as the chance the watch itself might not be entirely kosher - have confidence, it's I am unsure I'd choose this color combination. Basically was given anything connected using the appearance. Still, it stays out, I guess.

>>> Que é o enfoque de xénero?

O enfoque de xénero é unha ferramenta de análise que examina as relacións sociais entre os sexos, facendo posible a visibilidade das iniquidades e inxustizas que derivan dos patróns culturais que recaen sobre as mulleres, e que determinaron historicamente a súa posición subordinada e pasiva dentro da sociedade, limitando as súas posibilidades de realización, desenvolvemento e autonomía. Ademais aporta unha visión crítica e xustificada sobre a realidade social, cuestionando as valoracións tradicionais dos papeis das mulleres e dos homes, que a través do tempo se foron convertendo en relacións desiguais de poder e nunha distribución inxusta de coñecementos, propiedades e dereitos.

A análise de xénero conduce a un exame das estruturas sociais e das institucións en termos de cómo determinan beneficios ou desvantaxes a partires da condición de xénero.

Coa instauración da perspectiva de xénero,  contribúese á consecución de diversos obxectivos, entre eles:

Identificar a situación real de mulleres e homes dentro da sociedade.
Transformar a situación de desigualdade económica, política, cultural e social que recae sobre as mulleres, xerada polo modelo social.
Dar resposta ás necesidades inmediatas de mulleres e varóns, facendo visible que estas son diferentes segundo o sexo e situándoas nun mesmo nivel, sen privilexiar a unhas sobre outras, o que suporía avanzar na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

<< volver

Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario