logo

NOVAS

Xun04

A terceira edición de Compostela + Solidaria ofrece 20 días de actividades para mudar o mundo

O concello de Santiago e a Coordinadora Galega de ONGD poñen en marcha a terceira edición de Compostela + Solidaria, un programa de sensibilización que se levará a cabo do 25 de maio ao 15 de xuño en distintos espazos da cidade. Ao longo de 20 días programaranse obradoiros, charlas, xogos, exposicións, proxeccións e unha Feira Solidaria coa que a cidadanía compostelá terá a oportunidade de coñecer de que forma pode 'mudar o mundo' dende o seu día a día. Tamén, de divertirse e coñecer a realidade dos países empobrecidos, o traballo das ONGD galegas e as alternativas solidarias e xustas que, dende o ámbito local, contribúen a cambiar a realidade global. Neste enlace>>> atoparedes o programa con todas as actividades.

O punto de partida será a Feira Solidaria que se celebrará o 25 de maio a partir das 5 da tarde na Praza Roxa da cidade. Un espazo pensado para o encontro e no que haberá propostas para todas as idades: xogos do mundo; obradoiros para coñecer de que están feitos os computadores e de onde veñen as súas pezas; un programa de radio en directo; un obradoiro para aprender a reparar a roupa; unha acción de rúa contra a xitanofobia; postos de información e venda de produtos de comercio xusto...

Precisamente, un dos obxectivos do programa deste ano é vincular ás loitas locais coas globais e poñer en común as demandas dos colectivos e organizacións galegas coas das ONG de Desenvolvemento que traballan noutros países. Para iso, as actividades programadas xirarán arredor do comercio xusto; a defensa dos dereitos humanos das mulleres e a infancia; o coidado do medio ambiente; o dereito de acceso á saúde; a loita contra a xenofobia, a homofobia e a violencia de xénero; o respecto á diversidade, etc. E contarán coa colaboración de colectivos como a radio comunitaria Cuac FM, o Secretariado Xitano, a batukada feminista Tamborililás e a cooperativa Cousas da Terra. 

FEIRA SOLIDARIA

O 15 de xuño pecharemos a terceira edición de Compostela + Solidaria cunha Feira Solidaria na praza Roxa da cidade. Será en horario de 17 a 21 horas e, ao longo de toda a tarde, haberá programadas actividades para todas as idades: obradoiros de reparación de roupa, para coñecer de que están feitos os computadores; un programa de radio en directo; xogos do mundo; un obradoiro de ritmos coa batukada feminista Tamborililás (espazo só para mulleres); unha acción de rúa contra a xitanofobia...

Tamén haberá postos de venda de produtos de comercio xusto e de información das ONGD e colectivos presentes na Feira.

20 días de actividades para mudar o mundo

A terceira edición de Compostela + Solidaria ofrece máis de 20 actividades, todas elas enfocadas á sensibilizar sobre a necesidade de comprometernos, no noso día a día, coa defensa dun mundo libre de discriminacións, inxustizas e violencias. As actividades propoñen cuestionarnos o por que das desigualdades e a pobreza e poñernos en marcha para poder cambiar a realidade: dende o noso consumo e a nosa forma de relacionarnos coas persoas e coa natureza ata as posibilidades de organizarnos e demandar, colectivamente, outro mundo posible.

Hoxe, 2.200 millóns de persoas viven en situación de pobreza extrema e as cifras de desigualdade global non teñen precedentes: no mundo, só 8 persoas concentran tanta riqueza como a metade máis pobre da humanidade. Estamos a vivir o maior movemento de desprazamentos forzosos dende a II Guerra Mundia, o auxe dos discurso xenófobos e o actual sistema económico está a xerar desequilibrios medioambientais e sociais que desembocaron nunha situación de crise ecolóxica.

Neste contexto, as ONGD galegas ofrecerán propostas para reflexionar e debater colectivamente e cidadanía de Compostela poderá coñecer a realidade doutros países e os efectos positivos que ten a cooperación ao desenvolvemento nestes contextos.

Esperámosvos!



Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario